Vimianzo e Muxía sumáronse ao acordo para promocionar a Vía Mariana

A ruta cultural e espiritual parte da cidade portuguesa de Braga e remata no santuario da Virxe da Barca

Encontro de alcaldes, alcaldesas celebrado en Braga para promocionar a Vía Mariana

Encontro de alcaldes, alcaldesas celebrado en Braga para promocionar a Vía Mariana / C. V.

Redacción

A alcaldesa de Vimianzo, Mónica Rodríguez, e os seus homólogos de Muxía, Iago Toba, e Mazaricos, Juan Blanco, participaron no II Encontro Transfronteiriço de Presidentes de Cámara e Alcaldes da Vía Mariana, no que se asinou un acordo de colaboración para promocionar e divulgar a Vía Mariana, o itinerario que une os antigos santuarios de devoción mariana que ten o seu inicio en Braga e o seu fin no santuario da Virxe da Barca, na vila muxiana.

Trátase dunha ruta cultural e espiritual que pretende recuperar antigos camiños históricos polos territorios do interior de Galicia e norte de Portugal. Na localidade vimiancesa, o tramo da Vía Mariana comprende desde o Orbellido a Berdoias, case 14 quilómetros nos que se pode visitar a igrexa de Santo Antoiño de Baíñas así como o dolmen da Casota de Freáns (Berdoias), datado entre o 2.500 e o 2.000 a.C.

A rexedora vimiancesa, Mónica Rodríguez, destaca a importancia do documento asinado “xa que significa un novo compromiso por seguir promocionando, visibilizando e coidando o noso patrimonio, a nosa cultura”. “A Vía Mariana é un itinerario natural e cultural que pon a Vimianzo no punto de mira turístico, o que sen dúbida repercutirá en beneficio de todos e todas”.

Pola súa banda, o alcalde muxián, Iago Toba, destacou “a importancia de que Muxía sexa o punto e final desta Vía Mariana, un itinerario de gran valor turístico, social e devocional”. Ademais, engadiu na súa intervención que “coma sempre, Muxía estará do lado da cultura e da tradición e apostará por fomentar e resaltar esta ruta que acolle a peregrinos de toda Europa e da vida ao noso rural”.

Ao acto acudiron tamén os presidentes das cámaras municipais, alcaldes e alcaldesas, autoridades, representantes doutras institucións así como da Asociación Vía Mariana Luso Galaica.

Entre os acordos adoptados figuran tamén o compromiso de traballar para incluír este itinerario na lista de camiños Culturais Europeos do Consello de Europa; velar polo patrimonio material e natural vinculado ao itinerario; favorecer a acollida de peregrinos en tránsito e colaborar, na medida do posible, por unha sinalización da ruta óptima para o tránsito libre e seguro de persoas.