Ames xestionará o futuro complexo deportivo co de Bertamiráns e Rosalía será Filla Adoptiva

A Unión de Consumidores de Galicia recibirá unha axuda para que siga asesorando nas dúas urbes // Repararase o pavillón da capital e modificarase o Plan Xeral na Telleira

Proxecto do futuro centro deportivo do Milladoiro, con piscinas, salas de ximnasia e aparcamento / concello

Proxecto do futuro centro deportivo do Milladoiro, con piscinas, salas de ximnasia e aparcamento / concello / Marcos Manteiga

O pleno celebrado en Ames aprobou, coa requerida unanimidade, nomear a Rosalía de Castro Filla Adoptiva do municipio. E, do mesmo xeito, saiu adiante a exposición pública do estudo de viabilidade do futuro complexo deportivo do Milladoiro polo prazo dun mes que, ademais, xestionarase co que xa existe en Bertamiráns.

Deste xeito, deuse a coñecer o estudo de viabilidade elaborado pola consultora Dosvalor no expediente de concesión da obra pública para a construción dunha instalación deportiva no Milladoiro, que comprenda a posterior xestión da mesma, así como da xa existente en Bertamiráns, coñecida como centro deportivo municipal A Telleira. Dito estudo foi rematado no ano 2021 e corrixido posteriormente tras un informe emitido conxuntamente polos departamentos de Secretaría e Intervención no que se indicaba que a consultora debía incorporar distintas precisións. Despois da exposición pública do proxecto, poderase levar a pleno para aprobarse.

No que atinxe a Rosalía de Castro, todos os grupos estiveron dacordo neste nomeamento a título póstumo, mediante declaración institucional (que, por esixencia do regulamento municipal de títulos, precisa de unanimidade). Dita proposta fundaméntase na relación do Concello de Ames e as Terras da Maía coa vida e obra da escritora, e nos méritos de pública notoriedade que concorren na súa figura. Así, resáltase a súa vinculación a lugares como as parroquias de Ortoño, Ames e Trasmonte, e a gran influencia que exerceron na poesía da autora.

Do mesmo xeito, o servizo de Promoción Económica obtivo os votos para incluír no orzamento 2023 unha subvención nominativa de 6.000 euros para a Unión de Consumidores de Galicia, pola seu labor de información e asesoramento en materia de consumo para a cidadanía de Ames e para a programación de actividades de natureza formativa e divulgativa. A mencionada asociación dispón de dúas oficinas no concello, no Milladoiro e en Bertamiráns, e vén prestando servizo á cidadanía dende o ano 2016.

O obxectivo da subvención, que é de carácter nominativo, ao ser esta a única asociación que desenvolve dito servizo de maneira gratuíta no concello, radica no interese público en que a Unión de Consumidores de Galicia continúe desenvolvendo a súa actividade e amplíe as súas prestacións, especialmente no ámbito das novas tecnoloxías.

Acordouse tamén unha modificación de crédito para reparar o pavillón de Bertamiráns e modificar o PXOM para usar a parcela empregada como parquin na capital local, onde se ubicará o futuro mercado.