Artesanía e presentacións literarias na Mostra do Encaixe de Camariñas

Antonio Pereira, O Rulo, aportará a súa creatividade oleira aos desfiles de ArtEncaixe

Antonio Pereira, O Rulo, aportará a súa creatividade oleira aos desfiles de ArtEncaixe / Concello de Camariñas

Redacción

O desfile de ArtEncaixe da XXXII Mostra do Encaixe de Camariñas Deputación da Coruña, que se celebrará do 5 ao 9 de abril, volverá a acoller este ano a oleiros de Buño e a Mar Barral e Susi Gesto, todos eles coñecedores do que supón desfilar na alfombra vermella da feira das puntillas. A olería volverá a mesturarse co encaixe de Camariñas. Nesta ocasión farao grazas ás expertas mans dos obradoiros de Feituras e O Rulo. 

Mar Barral afronta o seu segundo ano no desfile de ArtEncaixe “con moita ilusión” e adianta que presentará unha colección na que fai unha intervención cerámica no traxe tradicional galego feminino. "O encaixe de Camariñas apórtalle ás miñas pezas un toque de elegancia e distinción”, afirma.

Pola súa banda, Susi Gesto valora a súa participación como “unha oportunidade de experimentar unha simbiose do encaixe de Camariñas co encaixe que conforma a máis pura filigrana da ourivería Compostelá. Ademais da experimentación con novos materiais tamén me permite afondar en colaboracións interesantes en todo o proceso, como a que fixen coa artista plástica Ana Gesto e o músico e artesán Pablo Pascual”, subliña. 

No afán de ampliar a súa oferta cultural, a Mostra do Encaixe de Camariñas continúa ampliando a súa oferta cultural e contará con tres presentacións literarias vencelladas a Galicia e ao mar. Trátase das publicacións das autoras Ainhoa Conde e Ana de las Heras, ademais da do escritor Alfonso de Sas. 

A primeira destas presentacións será o xoves 6 de abril, ás 12.00 horas. Dentro da sala de desfiles, Ainhoa Conde, falará do seu libro Devotos de destino. Alén do Vilán. Unha obra poética que supón unha reflexión interna e de sentimentos por Galicia e o océano. Os versos, baseados case na súa totalidade en vivencias da autora, reflicten 66 historias de amor, desalento, loita, sacrificio, alegría e morriña. Conde, nacida en Cee, compaxina o seu labor de poeta co traballo de inspectora de seguridade marítima. 

Pola súa banda, o venres 7 de abril, ás 12.00 horas, será o turno para Ana de las Heras e o seu libro Travesías del sentir. A escritora ofrece neste volume un conxunto de relatos curtos cheos de humor, maxia e transformación que narran o cotiá dun xeito sinxelo grazas a pór o foco nos pequenos detalles que fan grande a vida. Nacida en Madrid e afincada en Oleiros, De las Heras é enxeñeira industrial ademais de autora.

E o sábado 8 de abril, Alfonso de Sas presentará El Cementerio de Los Ingleses. A partires das 12.00 horas o autor ourensán falará dun libro de ficción que está inspirado no naufraxio do HMS Serpent nas costas de Camariñas en 1890, motivo polo cal se construíu o mítico cemiterio do mesmo nome. Na obra explórase a relación que xorde como consecuencia da traxedia entre os residentes no lugar e os membros do Imperio Británico. De Sas, nado en Ourense, estudou Dereito e traballou en Comercio Internacional antes de decidirse, xa xubilado, a publicar a súa primeira obra.