Apróbase a licitación das obras de ampliación da Casa da Cultura do Milladoiro

A demanda de actividades do centro supera as posibilidades do mesmo, polo que debe ampliarse o edificio co fin de cubrir as necesidades existentes

Casa da Cultura do Milladoiro

Casa da Cultura do Milladoiro / Concello

Redacción

A Xunta de Goberno Local de Ames vén de aprobar, o pasado 23 de marzo, o expediente de contratación das obras de ampliación da Casa da Cultura do Milladoiro, por importe de 270.154,04 euros. O proxecto, que forma parte do POS + 2022 da Deputación da Coruña, contempla a ampliación do espazo para construír novas salas de actividades, a habilitación dunha sala de lactancia, a creación dunha comunicación máis directa dende a beirarrúa ata o escenario e diversas melloras na zona da cafetaría (aseos e almacén propios, ampliación da terraza e construción dun vestíbulo).

O proxecto de ampliación recolle que a demanda de actividades do centro supera as posibilidades do mesmo, polo que debe ampliarse o edificio co fin de cubrir as necesidades existentes. Así, contémplase construír novas estancias para actividades, a habilitación dunha sala de lactancia, a creación dunha comunicación máis directa dende a beirarrúa ata o escenario e diversas melloras na zona da cafetaría (aseos e almacén propios, ampliación da terraza e construción dun vestíbulo).

Na planta baixa da Casa da Cultura xerarase un espazo de 44 metros cadrados que se dividirá en dúas aulas: unha de 25,15 metros cadrados e outra de 19 metros cadrados. As estancias complementarán así as aulas xa existentes en dita planta. A fachada dos dous espazos estará conformada por carpintería de aluminio e vidro, mentres que as baldosas do chan serán de terrazo similar ao xa existente. Para as paredes empregarase pintura plástica con textura lisa e acabado mate, en colores suaves. Non se modificará o falso teito xa existente.

No soportal lateral ao corpo da cafetaría construiranse uns aseos e un almacén, xunto cun vestíbulo que sirva á saída de emerxencia do salón de actos (de arredor duns 46,50 metros cadrados). Deste xeito, o funcionamento da cafetaría será independente do do resto do centro. A fachada dos aseos será ventilada, cun acabado con paneis tipo “viroc” ou similares. O chan, ao igual que nas aulas, compoñerase de baldosas de terrazo similar ao xa existente. Por outro lado, o teito será de xeso.

Proponse, ademais, incrementar a obra de pavimentación para articular a saída de emerxencia do auditorio, e ampliar o soportal da cafetaría uns 65 metros cadrados, cunha zona semicuberta cun toldo motorizado de estrutura fixa, para un mellor funcionamento do establecemento.

As actuacións na planta baixa complementaranse coa realización dun vestíbulo que ille acusticamente a zona da cafetaría, e coa transformación do gardarroupa nunha sala de lactancia.