Presentan a obra de Xelís de Toro e ofrecen danza moderna con ‘Nina Ninette’ ós amesáns

O escritor compostelán trae ‘Etceteramente’ ao Pazo da Peregrina o xoves, e o venres chegará o baile

Xelís de Toro

Xelís de Toro / ECG

As bibliotecas municipais de Ames organizan para este xoves, día 13, o segundo dos encontros literarios do mes de abril. O libro a presentar será Etceteramente, a última obra de Xelís de Toro e que se adiviña coma unha homenaxe ao poder creativo da literatura. E, do mesmo xeito, a programación cultural local continúa este venres co espectáculo de danza contemporánea Nina Ninette, que terá lugar este venres 14 de abril, ás 18.00 horas na casa da cultura do Milladoiro, e con prezos na billeteira de entre 2 e 4 euros e co selo de Marta Alonso Tejada.

No que atinxe á presentación de Etceteramente, terá como marco o Pazo da Peregrina este xoves 13 ás 20.00 horas. O autor estará acompañado de Alejandro Vargas, artista sonoro, compositor e pianista cubano. De Toro e Vargas conversarán sobre a improvisación como método artístico nun acto presentado pola concelleira de Cultura, Natividade González. A obra está formada por páxinas en branco, capítulos que faltan, unha lectora que se rebela, un escritor ansioso por escribir unha obra sublime, un periplo polo trasmundo interior, rebeldes contra a especulación urbanística e revolucionarios á busca do escritor, cartas a un escritor morto, a directora dunha editorial a quen non lle dan as contas, un pacto co demo... Según a crítica, “estamos ante un cóctel literario de preguntas: quen escribe?, quen le?, para que?, como?, que? Etceteramente é un artefacto inacabado que nunca terá punto final porque continuará noutros libros escritos por outras escritoras e escritores e outras lectoras e lectores”.

Mais tamén lembran que encarna unha tristura e unha esperanza: a tristura dos solitarios que se refuxian na literatura en busca dun acougo e a esperanza de que a literatura os provexa dun fogar: un espazo de dúbida e contradición, de crítica, de reflexión, de rebeldía contra nada, de espellos rotos, unha xanela ao mundo... Un fogar de portas abertas. Xelís de Toro (Santiago de Compostela, 1962) é un escritor español licenciado en Filoloxía Galega. Foi lector de galego nas universidades de Birmingham e Oxford entre 1991 e 1997. En 1990 fundou con Francisco Macías a Editorial Positivas. Entre a súa obra narrativa destaca Non hai misericordia, pola que recibiu o premio Ciudad de Lugo, Terminal ou Os saltimbanquis no paraíso.

E respecto a Nina Ninette, baixo a dirección de María Torres, Marta Alonso, Paula Quintas e Carlota Mosquera, ofrece unha versión moderna da Cincenta, unha historia en que Nina é quen de transformar a súa realidade familiar e escolar por méritos propios e sen a necesidade de atopar príncipes.