O BNG de Ames presenta a súa lista completa ás eleccións do 28M

David Santomil: “É unha candidatura que sae a gañar porque é un fiel reflexo da sociedade amesá”

Candidatura do BNG de Ames

Candidatura do BNG de Ames / BNG

Redacción

O BNG de Ames vén de completar a lista coa que concorrerá ás próximas eleccións autonómicas do 28 de maio, que encabeza o actual tenente de alcalde, David Santomil, acompañado de 21 veciños e veciñas que son “fiel reflexo da sociedade amesá”.

“Trátase dunha lista equilibrada, con representación dos diferentes sectores, idades e ámbitos territoriais; unha candidatura que sae a gañar”, en palabras do propio Santomil, que está certo de que se dan as condicións idóneas para que o BNG teña un “moi bo resultado e teñamos en Ames un alcalde do BNG”.

Santomil recoñece que a actual coxuntura política a nivel estatal pode condicionar a campaña e os resultados, pero asegura que “é o momento” do BNG, tanto no concello como no país, polo que se amosa moi optimista e confiado en ser a “alternativa á esquerda” que poida poñer freo ao PP.

As actuais concelleiras de Cultura e Comunicación, Natividade González, e de Lingua e Mocidade, Escarlata Pampín, repiten nos postos 2 e 3 que, xunto aos nomes dos 11 primeiros candidatos/as xa foran dados a coñecer nun acto celebrado o pasado 24 de febreiro no Milladoiro.

Acorde aos principios asamblearios do BNG, a lista foi consensuada e avalada pola militancia nas súas asambleas locais e comarcais e tamén serán presentadas publicamente nun acto que se celebrará nas próximas semanas.

Solvencia, experiencia, mocidade e preparación son algunhas das fortalezas salientadas polo cabeza de lista sobre o equipo do que se vai acompañar nos vindeiros días, do que está convencido que farán un grande traballo de recibir o apoio da cidadanía.

O BNG Ames salienta os distintos perfís cos que se tenta abranguer toda a realidade amesá, ao contar con candidatos/as proveñentes do sector sanitario, educativo, empresarial, traballador autónomo, xente moza, etc.

O BNG Ames, na súa reunión do Comité de Campaña celebrada esta fin de semana, pechou a presentación da lista e marcou xa a folla de ruta para as próximas semanas, nas que celebrarán diferentes encontros sectoriais cos que completar a redacción dun programa co que agardan dar resposta ás principais demandas de toda a cidadanía, sempre dende o realismo, a responsabilidade e o aval dos feitos e os cumprimentos demostrados nos últimos anos.