Cen alumnos das escolas de música de Ames, Brión, Negreira e O Grove, en concerto o día 28

Amaury Quintero, esquerda, Aga Mainska e Pilar Martínez

Amaury Quintero, esquerda, Aga Mainska e Pilar Martínez / Concello de Ames

A Escola Municipal de Música de Ames, a EMMA, celebra o vindeiro venres 28 de abril o segundo encontro de escolas municipais de música: "Música na praza". Nel, a comunidade educativa da escola musical amesá recibirá á dos centros de Brión, Negreira e O Grove.

Trátase da segunda ocasión na que a EMMA organiza unha xuntanza deste tipo, posto que en maio do pasado ano xa se desenvolveu unha iniciativa similar, que contou coa participación de diversos grupos musicais das escolas da contorna de Ames. O encontro é unha oportunidade para compartir a paixón pola música nun espazo de convivencia entre alumnado, profesorado e as familias doutros concellos. O evento foi presentado pola profesora de canto moderno e directora da EMMA, Pilar Martínez; o profesor de percusión e batería que dirixe os combos xuvenís e de adultos, Amaury Quintero; e a profesora de violín Aga Mainska. A xuntanza terá lugar no aparcadoiro da casa da cultura do Milladoiro, ás 19.00 horas. Nela participarán ao redor de 100 alumnos.