Chaman a todas as familias amesás a participar nunha masterclass de danza este sábado

Non é precisa a anotación previa

Casa de la cultura de Bertamiráns

Casa de la cultura de Bertamiráns / http://www.concellodeames.org/nova.php?noticia=3986&idioma=es&sec=32

Convócase aos amesáns e visitantes a participar na masterclass de baile que chegará este sábado ata o parque do Ameneiral en Bertamiráns, a partir das 17.00 horas. Trátase dunha actividade aberta e de balde, pensada para a rapazada de todas as idades e para as súas familias, organizada polo departamento de Deportes do Concello de Ames en colaboración con Danzaya para achegarlle á veciñanza o baile nas súas distintas modalidades e darlle pulos a esta práctica deportiva.

Non é precisa a anotación previa, e dende a organización lembran que a danza “é unha arte que se basea na expresión corporal, onde se empregan unha secuencia de movementos corporais que acompañan de xeito rítmico á música. Neste caso, búscase fomentar a danza como deporte, como vehículo para expresar sentimentos, canalizar emocións ou liberarse do estrés”.

Mediante a masterclass, as familias poderán expresarse corporalmente a través de música con diferentes ritmos. Así, tomarán maior coñecemento do seu esquema corporal, e mellorarán a súa musicalidade, a súa fluidez ou o seu ritmo. O taller estará dirixido por seis mestras e mestres do Club Deportivo de Baile Danzaya e desenvolverase entre as 17.00 horas e as 19.30 horas.