Íntegro impulsa a FestIgual a prol dunha sociedade que aposta pola inclusión social da diversidade

Será un encontro de convivencia con música, artesanía, talleres, gastronomía e xogos infantís // A cita é o 27 de maio en Cabana

Adolfo López, á esquerda, José Muíño e Noelia Barreira presentando o FestIgual en Cabana / |  ASOCIACIÓN ÍNTEGRO

Adolfo López, á esquerda, José Muíño e Noelia Barreira presentando o FestIgual en Cabana / | ASOCIACIÓN ÍNTEGRO / redacción

Redacción

Promover novos espazos de encontro coa comunidade para celebrar a diversidade como valor irrenunciable dunha sociedade que camiña cara a plena inclusión e a igualdade de oportunidades é o principal obxectivo de FestIgual, diversamente iguais, unha xornada de convivencia lúdico-festiva organizada pola Asociación Íntegro e Máis Porvir Social en colaboración co Concello de Cabana de Bergantiños.

Celebrarase o 27 de maio, a partir das 12.00 horas no campo da festa de Nantón (Cabana), e terá como principais ingredientes a artesanía, música, obradoiros, xogos infantís e altas doses de diversión. “Os únicos protagonistas serán as persoas, sen etiquetas, e os únicos requisitos para asistir son as gañas de compartir, desfrutar, conversar e troulear para poñer en valor a riqueza dunha comunidade máis participativa, plural, diversa e inclusiva na que todas e todos somos diferentes e iguais”, afirmou Adolfo López, presidente de Íntegro no acto de presentación.

A iniciativa conta co apoio de distintas entidades da contorna e tamén do Concello de Cabana, porque “Íntegro e Máis Porvir son as entidades epicentro da diversidade funcional e psíquica na bisbarra”, afirmou o alcalde, José Muíño. O que se busca, engadiu o rexedor “é dar a coñecer o labor que fan no territorio porque cando se coñece acábase querendo a apoiando”.

A xornada comezará cun pasarrúas a cargo do grupo de música tradicional Inllar e unha sesión vermú co Dúo Estrelas. Incluirá unha foliada protagonizada por Os Farrapos de Cesullas, segundo indicou Noelia Barreira, directora de Íntegro. Haberá tamén un xantar popular a base de tortilla, empanada, bocadillos e larpeira. Xa se poden mercar os tiques na sede de Íntegro ou chamando ao 981 734 985. Pódese optar tamén pola prevenda promocional, do 19 de abril ao 10 de maio, que inclúe auga/refresco máis tortilla e larpeira por só 5,5 euros.

Máis de vinte artesáns confirmaron xa a súa presenza no espazo de artesanía, no que primarán os postos de produtos ecolóxicos. Haberá tamén un punto de #Plástico Cero.