Catrocentos escolares coñecen a historia do traxe galego cas 200 bonecas de Magdalena Bringas

Montse Rivera, membro do grupo Leilía, viaxa no tempo cos cativos de Ribeira // As figuras recrean escenas sobre os oficios tradicionais

Montse Rivera entre dous escolares con traxes rexionais, xunto ás bonecas de Magdalena Bringas / c.r.

Montse Rivera entre dous escolares con traxes rexionais, xunto ás bonecas de Magdalena Bringas / c.r. / suso souto

Un total de catrocentos estudantes están a participar nos catro talleres que, baixo o nome Cóntoche un traxe, se celebran no Museo Municipal de Ribeira. Trátase dunha iniciativa organizada polas concellerías de Cultura e Educación na que, dunha maneira orixinal, os rapaces e rapazas son partícipes dun percorrido no tempo co vestiario tradicional dos nosos antergos grazas á colección en miniatura de traxes galegos realizados de xeito artesanal por Magdalena Bringas, que foi doada ao Concello e se alberga no segundo andar da citada instalación municipal.

Os talleres están sendo desenvolvidos por Montse Rivera, unha das compoñentes do grupo musical Leilía, que este ano deixa os escenarios despois de tres décadas, e que realiza a través dunha maneira sinxela e orixinal un percorrido no tempo para explicar como era o vestiario dos nosos antepasados.

Na primeira xornada participaron cincuenta alumnos e alumnas do colexio Galaxia e, na segunda, sendos grupos de cincuenta rapaces pertencentes aos colexios Bayón e Olveira.

Os obradoiros proseguirán este venres e o vindeiro luns, neste caso para o alumado dos colexios Heroínas de Sálvora de Aguiño, Sagrado Corazón de Castiñeiras, A Milagrosa de Oleiros e CEIP O Grupo.

O museo ribeirense acolle unha exposición permanente formada por case 200 bonecas con traxes rexionais elaborados pola recentemente falecida expresidenta da Asociación de Amas de Casa da localidade, Magdalena Bringas (empezounos a elaborar cando tiña 14 anos), que recrean diversas escenas de numerosos oficios tradicionais de Galicia.

Algunhas das escenas recreadas na mostra permanente están protagonizadas por bonecas e bonecos cuxos rostros resultan facilmente recoñecibles, sobre todo para os ribeirenses, como a da procesión das festas patronais de Santa Uxía, na que se identifica ó exalcalde, José Luis Torres Colomer, ou ó antigo párroco, Cesáreo Canaval, á fronte da comitiva. Esta colección ocupa toda unha planta do centro museístico e é un dos seus grandes reclamos, xunto á dedicada ó naufraxio do Santa Isabel.