Adxudican en 1,2 millóns as obras da nova biblioteca ribeirense

O Concello de Ribeira adxudicou con carácter provisional á empresa Ogmios Proyecto S.L. por 1,2 millóns de euros as obras de reforma e ampliación da Casa Gran Sol para convertela na nova biblioteca municipal, intervención financiada cos fondos de cooperación do Instituto Galego de Vivenda e Solo.

Conforme ao proxecto técnico, elaborado pola firma Oxil Arquitectura, a idea é facer unha instalación que vai permitir triplicar a superficie actual da biblioteca ubicada na rúa Lustres Rivas, cunha forte aposta pola máxima eficiencia enerxética.

Ampliarase o inmoble de dúas plantas dándolle unha máis e construíndo ás súas costas outro edificio de similar volume, estética e características. Ambos estarán unidos por un ascensor. Na zona posterior acondicionarase un patio axardinado de 200 m2.