Costa da Morte investiu 25 millóns de euros coas axudas Leader en 15 anos

O Grupo de Desenvolvemento Rural tramitou 224 proxectos que permitiron crear 168 empregos e consolidar outros 536 // Estas iniciativas beneficiáronse de subvencións europeas por un importe total de 10.450.991 €

Participantes nunha das xornadas sobre desenvolvemento territorial promovidas polo GDR e celebradas en Baio

Participantes nunha das xornadas sobre desenvolvemento territorial promovidas polo GDR e celebradas en Baio / gdr costa da morte

A Asociación Costa da Morte-GDR, entidade colaboradora da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural (Agader), tramitou dende a súa constitución no ano 2017 un total de 224 proxectos ao abeiro dos programas Leader, que supuxeron un investimento de 24.753.898 euros, a creación de 168 novos empregos e a consolidación doutros 536 postos de traballo. Iniciativas que obtiveron máis de 10,4 millóns de euros en subvencións, e que estiveron orientadas á dinamización dos sectores agrario, gandeiro, forestal e turístico; á mellora medioambiental e do contorno rural e á diversificación da economía e mellora da calidade de vida das xentes que residen nesta franxa atlántica.

Uns investimentos que foron financiados, no marco do programa Leader, polo Fondo Europeo Agrario de Desarrollo Rural (Feader), que aporta o 75 % das axudas; a Axencia Galega de Desenvolvemento Rural (Agader), ente público adscrito á Consellería do Medio Rural, que contribúe co 22,5 %; e o Ministerio de Agricultura, Pesca y Alimentación (MAPA), que achega o 2,5 %.

Nos seus comezos, o GDR, coincidindo co primeiro programa Leader, estivo dividido en dúas áreas xeográficas: Bergantiños e Costa da Morte, e a partir de 2017 unificáronse, integrando dende entón aos 17 concellos da zona: Cabana de Bergantiños, Camariñas, Carballo, Carnota, Cee, Corcubión, Coristanco, Dumbría, Fisterra, A Laracha, Laxe, Malpica de Bergantiños, Mazaricos, Muxía, Ponteceso, Vimianzo e Zas.

Ao abeiro do primeiro programa Leader (2007-2013) promovéronse no conxunto da Costa da Morte 89 proxectos produtivos e 21 non produtivos, namentres que no segundo (2014-2020) foron 35 produtivos e 20 impulsados por concellos e asociacións do ámbito territorial.

Entre as iniciativas subvencionadas no primeiro periodo figuran diversos proxectos de adquisición de maquinaria, equipamentos e instalacións para explotacións gandeiras, agrarias e forestais; acondicionamento e creación de establecementos de turismo rural; un plan de recuperación da Pataca Fina de Carballo; a ordenación do entorno dun conxunto de casas rurais en Laxe; a creación dun hospital para animais e compañía na Laracha; a construción dunha nova planta de compostaxe en Coristanco; a habilitación de pastizais para a cría de gando vacún autóctono de Galicia en perigo de extinción, en Vimianzo; ou a creación de pistas de padel no polígono vimiancés, entre outros.

No periodo 2017-2022, recibiron subvención proxectos encamiñados a crear un centro de día en Zas; campamentos turísticos en Corzón (Mazaricos), Brandoñas (Zas), Dumbría e Laxe; unha planta de fabricación de sustrato de cultivo a partir de residuos en Vimianzo; a creación de varias carpinterías de madeira e metálicas; a apertura dun centro wellnes en Fisterra; a modernización dunha oficina de enxeñaría; o acondicionamento de casas de turismo rural; a creación dunha fábrica de cervexa artesanal en Fornelos (Zas); a instalación dunha fábrica de pinturas e produtos químicos en Carballo; unha liña de produción de iogur artesanal en Muxía; a melloras tecnolóxicas nunha industria hortofrutícola da Laracha; un centro canino en Brandomil (Zas); a creación dunha empresa auxiliar de servizos de instalación de tubería, en Corcubión; e unha lavandería autoservizo en Ponteceso, entre outras iniciativas.

Pola súa banda, entre os proxectos promovidos por concellos e asociacións destacan a creación de telecentros en Caberta (Muxía), Carnota, Mazaricos, Carnés (Vimianzo) e Zas; a recuperación medioambiental do mirador do Ézaro (Dumbría); melloras no Camiño xacobeo en Corcubión; a creación de centros sociais en Fisterra e Fornelos (Zas); a habilitación dunha biblioteca en Fisterra; un centro de teleformación en Brens (Cee); plans de mellora de eficiencia enerxética en A Laracha, Corcubión, Dumbría e Malpica; a creación dunha aula gastronómica en Mazaricos; a homologación dunha aula de formación en Cabana; o acondicionamento dunha área recreativa-deportiva en Fisterra; a climatización do auditorio de Baio (Zas); a creación dun centro de investigación apícola en Coristanco e dunha nova aula de exposición no Museo do Encaixe, de Camariñas; a habilitación do centro socioformativo de Reboredo, en Vimianzo; a posta en valor do xacemento arqueolóxico romano de Brandomil (Zas); ou a recuperación do muíño de Pedra Vixía, en Baio (Zas), entre outros.

Ademais, o propio GDR impulsou proxectos de promoción e animación, así como a creación dunha marca de calidade do territorio Costa da Morte, á que xa se adheriron 47 empresas. Tamén organizou xornadas sobre desenvolvemento territorial, e impulsou os Ecocomedores - Km 0 nos colexios da zona.

O presidente do GDR e alcalde de Zas, Manuel Muíño, subliña que as cifras “son moi boas, porque se crearon moitos empregos e brindouse axuda a empresas moi diversas”. Ademais, engade “non só fomos capaces de executar todo o orzamento, senón que temos proxectos de agarda dado que as axudas que nos asigna a Xunta non son suficientes para dar cobertura a todas as iniciativas”.

Esta é, engade, “a mágoa que me queda”, pois dende que se produxo a fusión dos GDR de Bergantiños e Costa da Morte nun só grupo “o orzamento que nos asinaron non foi a suma dos dous, senón que se reduciu, a pesares de que somos un dos grupos máis grandes, tanto en poboación como en territorio, polo que intentaremos que a Xunta teña en conta estes datos e incremente a dotación orzamentaria”.

Nas tres últimas convocatorias, entre 2018 e 2021 quedaron en lista de agarda 20 proxectos, cunha inversión prevista de 3,7 millóns de euros, e que contemplaban a creación de 19 empregos e a consolidación de 113.

Por iso, un dos restos de futuro do GDR é acadar un maior orzamento e tamén “consolidar a marca de calidade que define o noso territorio, e que xa está rexistrada tanto a nivel de España como da UE, e que agardamos que, despois da tutela que agora exerce o grupo, despegue por sí mesma da man das empresas que a ostentan”, afirma Muíño.

Destaca ademais que no GDR Costa da Morte “todas as decisións se adoptan por consenso da xunta directiva e atendendo as propostas das asociacións do noso territorio”.