A Laracha inicia a escavación do Castro de Montes Claros

Inicio da actuación arqueolóxica no Castro de Montes Claros / c. l.

Inicio da actuación arqueolóxica no Castro de Montes Claros / c. l. / s. souto

A segunda escavación arqueolóxica do Castro de Montes Claros, na Laracha, xa está en marcha, continuando ca aposta do Concello para poñer en valor este poboado fortificado da Idade do Ferro situado entre as parroquias de Cabovilaño e Vilaño. Despois da primeira intervención realizada en 2021 e que incluíra dúas catas coas que se sondearon a croa e a terraza inicial, agora dáse continuidade con esta nova escavación profesional a cargo de Árbore Arqueoloxía e baixo a dirección de Puri Soto que se prolongará un mes. Os obxectivos son protexer e recuperar o xacemento mediante a investigación e a promoción sociocultural, contemplando o castro non só como un recurso cultural, tamén como enclave de alto valor paisaxístico, turístico e didáctico. Agora trabállase no barrio extramuros da porta leste, onde foran descubertas dúas pías hidráulicas escavadas na rocha que serán obxecto de investigación para determinar a súa función. Tamén se vai intervir sobre as estruturas que definirán a entrada principal á croa.