IV Festa do Apego para Ames con seis actividades cheas de música e contos

Presentación da IV Festa do Apego, que chegará o vindeiro sábado ata o Pazo da Peregrina, a cargo da técnica Rosa Moreiras, pola esquerda, a concelleira Escarlata Pampín e Fátima Souto / Concello

Presentación da IV Festa do Apego, que chegará o vindeiro sábado ata o Pazo da Peregrina, a cargo da técnica Rosa Moreiras, pola esquerda, a concelleira Escarlata Pampín e Fátima Souto / Concello / M. Manteiga

O Concello de Ames, a través da concellaría de Normalización Lingüística, organiza a cuarta Festa do Apego que terá lugar o sábado, 6 de maio, no Pazo da Peregrina de Bertamiráns. A entrada será libre e de balde, e a celebración comezará ás 11.00 horas coa actividade de canto e xogos Triscus Beliscus, de Rilo & Penadique. Ás 12.00 será a hora dos Contos para caghar patatillas, de Brais das Hortas, que achegará música, clown e relatos a partes iguais con instrumentos de refugallo creados en directo. Trátase dun espectáculo “para morrer de medo... ou de risa!” din, e diríxese á rapazada a partir de tres anos. Ás 13.00 horas, turno para Magín Blanco e o seu concerto participativo Caderno de cores e cancións. Ás 17.00 h., Xarope Tulú chegará ao pazo coa Lingoreteira, unha sesión de contos, música e monicreques. Pakolas e Laura Romero aterrarán na Festa do Apego ás 18.30 h coa actividade Cores, contos e rockanroll coa Ramona pequena e, ás 20.00 horas, A Gramola Gominola pechará a festa co seu gran concerto musical O poder da Superlingua.