Ferido o condutor dun turismo que se saíu da vía en Cabana de Bergantiños

Un particular alertou ao 112 Galicia do accidente acontencido en Cabana

Un particular alertou ao 112 Galicia do accidente acontencido en Cabana / 112 Galicia

Manuel Lavandeira

O condutor dun turismo que se saíu da estrada en Cabana de Bergantiños resultou ferido a consecuencia do impacto do vehículo contra un poste do alumeado público, que tronzou e quedou atravesado na vía obstaculizando a circulación. O accidente tivo lugar pouco despois da 1.30 horas no quilómetro 4 da AC-429, á altura da Telleira, en Canduas.

Un particular foi quen alertou ao 112 Galicia, que mobilizou a un equipo de Urxencias Sanitarias do 061, que trasladou ao condutor, cunha ferida na cabeza, ao centro de saúde de garda. Tamén se desprazaron ata o lugar membros da Garda Civil de Tráfico e do GES de Ponteceso, que se encargaron la limpeza da vía e de sinalizar e apartar o poste para restablecer a circulación.