A Xunta abre as convocatorias para a cobertura de 111 prazas de Policía Local en 32 concellos

O Diario Oficial de Galicia publica hoxe as bases para acceder á escala básica, con 89 vacantes por oposición libre e outras 22 de provisión por mobilidade // A maiores ábrese tamén o proceso selectivo de acceso por promoción interna e de provisión por mobilidade na categoría de oficial, con 11 prazas noutros tantos municipios

Vehículos da Policía Local de Ames

Vehículos da Policía Local de Ames / Concello de Ames

Redacción

O Diario Oficial de Galicia publica hoxe as convocatorias para a cobertura de 111 prazas da escala básica de policía local, das que 89 son de acceso por oposición libre e outras 22 de provisión por mobilidade.

Así, por unha banda convócase o proceso selectivo por oposición libre para a cobertura de 89 prazas na escala básica dos corpos de policía local de 24 concellos. As persoas interesadas en participar deben ter os 18 anos cumpridos, ademais de estar en posesión do título oficial de bacharel ou técnico, entre outros requisitos.

Dos municipios que ofertan prazas a meirande parte son da provincia da Coruña, coa Coruña, Ames, Bergondo, Betanzos, Carballo, Ferrol, Muxía, Narón, Noia, Padrón e Porto do Son. Da provincia de Pontevedra figuran prazas nos concellos de Baiona, Caldas de Reis, Cuntis, Gondomar, Marín, Ponteareas, Redondela, Sanxenxo, Tomiño, Tui, Vigo e Vilanova de Arousa. A todos estes súmase o de Lugo. A Coruña é a localidade que oferta maior número de vacantes, con 30, seguida de Vigo e Lugo, con 9, de Padrón con 4 e de Carballo con 3. As demais ofertas oscilan entre unha e dúas prazas.

O sistema de selección constará de cinco exercicios eliminatorios, de xeito que non se pode pasar ao seguinte sen ter a cualificación mínima esixida en cada un deles. A primeira proba consiste nunha avaliación dos coñecementos, cun cuestionario de 100 preguntas tipo test, seguida dunha avaliación do coñecemento da lingua galega para as persoas aspirantes que non teñan o certificado Celga 4 ou equivalente. O terceiro exercicio céntrase na aptitude física, con probas de velocidade, de potencia de trens superior e inferior, de resistencia xeral e de natación.

Realizarase tamén unha proba psicotécnica para determinar as actitudes e aptitudes persoais e a súa adecuación ás funcións policiais. Os exercicios culminan cun recoñecemento médico para garantir que as persoas aspirantes estean nas condicións axeitadas para o desenvolvemento das funcións policiais.

As solicitudes para participar nas probas presentaranse de xeito preferente a través do formulario dispoñible na sede electrónica da Xunta (https://sede.xunta.gal), aínda que hai tamén a opción de facelo presencialmente en calquera dos lugares e rexistros establecidos. O prazo para facelo é de 20 días hábiles a partir da publicación do anuncio desta convocatoria no Boletín Oficial do Estado.

As persoas aspirantes que cheguen ao final do proceso deberán entón superar o curso selectivo de formación teórica e práctica para ser finalmente nomeado persoal funcionario de carreira na categoría de policía no correspondente concello.

Provisión por mobilidade

Canto ao proceso de provisión por mobilidade, as 22 prazas convocadas en oito concellos mediante concurso diríxense a persoas en situación de servizo activo na categoría de policías cunha antigüidade mínima de tres anos. Os méritos que se van valorar no baremo son as titulacións académicas oficiais, a antigüidade, a formación e a docencia, as distincións e recompensas oficiais, os idiomas e o coñecemento da lingua galega.

Os concellos coruñeses nos que se pode elixir destino son A Coruña, con 10 prazas, Carballo, con dúas, e Bergondo e Betanzos con unha. No caso da provincia de Pontevedra figuran Vigo, con catro prazas, e Ponteareas con unha, da de Lugo o concello lugués con dúas prazas, e de Ourense Xinzo de Limia, con unha.

Convocatoria de 11 prazas de oficial

A maiores destas convocatorias da escala básica de policía local, o Diario Oficial de Galicia publica tamén hoxe o proceso selectivo de acceso por promoción interna e o proceso de provisión por mobilidade na categoría de oficial, con 11 prazas noutros tantos municipios.

Do total, 10 son por promoción interna e poden optar a elas as persoas que exerzan como policías locais nos concellos ofertantes cunha antigüidade mínima de tres anos. As localidades entre as que se distribúen as prazas son A Guarda, Ames, Burela, Caldas de Reis, Gondomar, Moaña, Noia, Ponteareas, Ribeira e Soutomaior.

A praza do proceso de provisión por mobilidade ofértase en Santiago de Compostela e diríxese a policías locais cunha antigüidade mínima de tres anos na categoría de oficial e que leven máis dun trienio continuado no actual destino.

Tanto na convocatoria de provisión por mobilidade para a escala básica como nos dous procesos da categoría de oficial as solicitudes deben presentarse de xeito obrigatorio a través do formulario dispoñible na sede electrónica da Xunta no prazo de 20 días hábiles a partir da publicación do anuncio destas convocatorias no Boletín Oficial do Estado.