Costa da Morte guía os pasos dos sendeiristas polo seu patrimonio

Vimianzo retoma as andainas polos seus Recunchos e Senda Nova volve á Ruta das Mámoas // Na vila carballesa pasearán pola noite

Sendeiristas nun dos cumios da capital de Soneira / concello vimianzo

Sendeiristas nun dos cumios da capital de Soneira / concello vimianzo / josé m. ramos

De día ou de noite. Calquera hora é boa para deixar pegada nos camiños e rúas da Costa da Morte, que se ofrece como paraíso para sendeiristas interesados en aprender e gozar do seu patrimonio natural, paisaxístico e histórico. As chamadas chegan este mes dende Vimianzo, Cabana de Bergantiños e Carballo.

O Concello vimiancés retomará as andainas polos seus Recunchos, que achegarán aos participantes, en grupos limitados, ata os principais recursos turísticos do municipio. Comezarán o día 17 cun roteiro de 9 quilómetros por Carnés e Cereixo, con paradas en espazos singulares como a cerca onde se celebra a Fagía e a fonte de San Cristovo, en Carnés, e o muíño de mareas, a igrexa e as Torres de Cereixo.

O segundo será o 10 de xuño arredor dos Penedos de Pasarela e Traba, declarados Paisaxe Protexida. A comitiva partirá da escola de Pasarela e poderá gozar das obras de arte esculpidas pola natureza sobre o macizo granítico, facendo que as rochas cobren vida semellando figuras como unha aguia, un coello ou un oso, entre outras.

En xullo, o día 7, camiñarán por Bamiro para completar un roteiro de 14 quilómetros cargado de historia, con paradas no recentemente restaurado Cruceiro dos Santos (Cheis), a capela de Montetorán e o paseo fluvial dos ríos Grande e Torrente. A programación rematará o 19 de agosto cunha andaina entre Vimianzo e Castrobuxán, guiados polo río Grande. Todas as rutas serán guiadas polo técnico de Deportes, Víctor Santos, e partirán ás 9.30 horas. As inscricións poden formalizarse a través da web municipal.

Pola súa banda, a asociación Senda Nova, que preside Eva Cameán, convida a seguir os pasos dos seus guías este domingo, día 7, que levarán aos sendeiristas pola Ruta das Mámoas, no municipio de Cabana de Bergantiños. Un percorrido, enmarcado na XIV Primavera en Ruta, con paradas no Pozo da Orca e na capela de San Brais de Folgoso, construída na croa dun antigo castro. “Agárdanos un roteiro impresionante”, afirman dende o colectivo.

E como complemento, o Concello de Carballo vén de sumarse ao movemento slowlight e promoverá o día 15 de maio un paseo nocturno polas rúas e prazas da capital municipal. Camiñarán en grupos de 25 a 30 persoas, para que poidan ir descubrindo os detalles que conforman a paisaxe nocturna da cidade. Partirán ás 21.30 horas da Praza do Concello e o paseo estará guiado por un experto en iluminación de Energal, que irá amosando aos camiñantes outra forma de ver Carballo, reflexionando e intercambiando impresións sobre diversos aspectos. Os interesados poden anotarse a través do enderezo notificaciones@grupoenergal.com