Organizan en Goiáns para os días 12 e 13 a primeira Feira Agroforestal

Alumnos do taller forestal de Boiro / c.de boiro

Alumnos do taller forestal de Boiro / c.de boiro / suso souto

O Concello de Boiro, coa colaboración do alumnado do obradoiro de emprego en xestión forestal, organiza a I Feira Agroforestal, que terá lugar o vindeiro venres 12 e o sábado 13 de maio no Pazo de Goiáns. Os obxectivos desta proposta son promover o traballo realizado polo alumnado na contorna do pazo, dinamizar o comercio local e poñer en contacto a distintos sectores vinculados co sector.

Durante as dúas xornadas haberá en Goiáns exposición de maquinaria, presentacións de novidades de marcas comerciais, un simulador forestal, postos con información sobre obradoiros de emprego ou ciclos formativos no eido forestal, actividades culturais para a rapazada, talleres e outras actividades.

Entre as actividades que se van desenvolver figuran exhibicións de poda, un obradoiro de cultivo de setas, demostracións de extracción de resina ou un taller de apicultura. Haberá tamén percorridos guiados pola finca e mesas redondas. O venres 12 ás 19.00 horas haberá unha charla titulada O CO2 como novo activo forestal. Certificacións forestais, e o sábado 13 á mesma hora a charla Posibles aproveitamentos forestais para as comunidades de montes. A feira estará aberta de 10.00 a 21.00 horas e o acceso será libre e de balde.