Carballo sumará a figura de Carlos Díaz, O Xestal, ao seu museo de arte urbana

María Fuentes, á esquerda, Juan Seoane, Evencio Ferrero, Maruxa Suárez, Gabriel Rivera e Javier Bardanca, na presentación dos actos de homenaxe ao Xestal

María Fuentes, á esquerda, Juan Seoane, Evencio Ferrero, Maruxa Suárez, Gabriel Rivera e Javier Bardanca, na presentación dos actos de homenaxe ao Xestal / Concello de Carballo

J. M. Ramos

Coincidindo co vinte aniversario da morte de Carlos Díaz 'O Xestal', o Concello de Carballo, co apoio dunha comisión organizadora, decidiu adicarlle o 2023 ao humorista e músico carballés, cuxa figura pasará a formar parte do museo de arte urbana da capital de Bergantiños da man do artista Yoseba Mururzábal, que pintará un novo mural na confluencia da rúa á que da nome O Xestal e a de Francisco Miguel.

Unha proposta que conta coa colaboración da concellería de Turismo e a empresa Pinturas Cromo, cuxo representante, Gabriel Ribera afirmou que "é un orgullo contribuir a recuperar a figura do Xestal e a que Carballo medre como referente da arte urbana".

Entre os actos de homenaxe programados para manter viva na memoria a figura de Carlos Díaz destaca tamén o encontro musical que protagonizarán máis de 1.600 escolares dos centros educativos de Carballo e membros de Aspaber, os cales interpretarán o Apaga o candil máis grande da historia. Será o día 15 de maio, á partir das 11.30 horas, e a cita será presentada por Xosé Ramón Gayoso e Xurxo Souto.

Posteriormente, o 17 de maio, Día das Letras Galegas, a Banda Municipal do Conservatorio de Música amenizará o Concerto das Letras, ás 13.00 horas na rúa Coruña, no que ademais do Apaga o candil tamén se poderán escoitar diversas pezas de compositores galegos como muiñeiras, xotas e pasodobres enxebres.

O alcalde, Evencio Ferrero, presidiu a presentación dos actos e subliñou que "en Carballo hai cultura musical e artística".