Mulleres do grupo de traballo amesán de Biduído alertan nunhas xornadas do cambio climático

Integrantes amesás do proxecto Do Des-Equilibrio aos Soños Compartidos

Integrantes amesás do proxecto Do Des-Equilibrio aos Soños Compartidos / FUNDACIÓN CARASSO

O proxecto Do Des-Equilibrio aos Soños Compartidos é unha iniciativa de educación ambiental centrada na emerxencia climática que desenvolve unha metodoloxía de intervención interxeneracional para a construción de narrativas de futuro sustentables a través do teatro. Rematou hai uns días cas xornadas Pontevedra Utopía, onde as integrantes do grupo de traballo de Biduído (Ames) presentaron o seu traballo final a modo de relato sonoro no que achegan a problemática do cambio climático a todas as xeracións.

A iniciativa botou a andar en Ames o pasado mes de novembro dirixida por integrantes da cooperativa Feitoría Verde e da compañía de teatro Chévere. Neste tempo, un grupo integramente composto por mulleres de diversas idades (entre 80 e 14 anos) estivo traballando en torno a emerxencia climática e a necesidade de elaborar relatos utópicos para inspirar o necesario cambio cultural que esixe a crise ecosocial. Un traballo de meses que conxugando a enerxía dos movementos da mocidade polo clima e o saber dos máis maiores, armou un relato de futuro.

Conta coa financiación da fundación Daniel e Nina Carasso e a Deputación da Coruña, e colaboran o Concello de Ames, o Reguiño e SEPA, da USC.

TEMAS