Unha campaña busca potenciar o transporte adaptado entre os veciños e veciñas de Ames

Desenvólvese baixo o lema ‘Levámoste’ e préstase a persoas maiores o con dificultades de mobilidade // No que vai de ano o servizo xa atendeu a un centenar de demandantes

Un usuario con problemas de mobilidade facendo uso do microbús adaptado de Ames / concello de ames

Un usuario con problemas de mobilidade facendo uso do microbús adaptado de Ames / concello de ames / redacción

Redacción

A concellaría de Benestar Social vén de publicar unha campaña informativa para dar a coñecer o servizo de transporte municipal adaptado entre a veciñanza amesá. Baixo o lema Levámoste preténdese dar a coñecer que en Ames existe un servizo de transporte adaptado que está dirixido a persoas maiores e/ou persoas como dificultades de mobilidade. Para poder dispor de dito servizo hai que reservar praza chamando ao número de teléfono gratuíto 900 204 000 ou ao teléfono da Oficina de Voluntariado 662 377 044. Dito servizo funciona de luns a venres en horario interrompido de 8.00 horas da mañá ata as 19.00 horas da tarde.

Os responsables municipais lembran que no ano 2007 o Concello puxo en funcionamento o servizo municipal de transporte adaptado, que facilita que persoas con problemas de mobilidade poidan realizar tarefas esenciais como acudir aos servizos médicos, realizar xestións administrativas ou asistir a eventos sociais. No que vai de ano atendeuse a preto de 100 persoas que o demandaron. Trátase dun servizo que se pode considerar prioritario para as persoas amesás xa que lles permite mellorar as súas condicións de vida.

Agora, a concellaría de Benestar Social a través da súa Oficina de Voluntariado vén de lanzar a campaña Levámoste. En Ames temos para ti transporte municipal adaptado, para dar a coñecer dito servizo que non o coñece unha gran parte da veciñanza. Trátase de reforzar a promoción do transporte adaptado que pode ser empregado polas persoas maiores e /ou persoas como dificultades de mobilidade. Cómpre destacar que Ames é un dos poucos, por non dicir o único, concello de Galicia que presta este servizo.

Este servizo conta cun microbús formado por trece prazas, que se dividen en once para persoas sentadas e dúas cadeiras de rodas. O vehículo complétase coa condutora e a auxiliar de transporte que axuda a todas as persoas usuarias a subir e baixar do microbús. O grado de dependencia de moitos dos veciños e veciñas que demandan este servizo está provocado por doenzas como a esclerose múltiple, trastornos psicolóxicos, dificultades de mobilidade ou emprego de cadeira de rodas e idade avanzada.

A concelleiral, Beatriz Martínez, indica que “con esta campaña tratamos de visibilizar entre a cidadanía de Ames un servizo que é descoñecido entre unha parte importante da poboación amesá. Deste xeito, o obxectivo é captar novos usuarios e usuarias para que poidan facer uso de dito servizo”