Os amienses desfrutaron da Feria do Pan e do Cereal celebrada en Bugallido

Na feira non faltaron as degustacións / CEDIDA

Na feira non faltaron as degustacións / CEDIDA / redacción

Redacción

O Concello de Ames, a través da Concellería de Medio Ambiente, organizou o pasado sábado, 6 de maio, a I Feira do Pan e do Cereal. A feira, que se celebrou en Bugallido, conxugou exposicións, charlas, degustacións e obradoiros co obxectivo de animar as persoas do rural a recuperar o cultivo das terras agrarias con cereais autóctonos como o trigo, centeo ou a cebada. O evento, que busca ser un referente dentro do seu sector, contou ademais coa colaboración de O Fogar do meu burro, do Museo do Pobo Galego e do tecido asociativo da parroquia de Bugallido.

A I Feira do Pan e do Cereal abriu as súas portas ás 11.00 da mañá coa inauguración dunha exposición composta por apeiros tradicionais de labranza, así como pezas que se empregan na agricultura moderna do cereal. Unha mostra composta por pezas cedidas polo Museo do Pobo Galego e por apeiros recuperados por Tino Seoane, veciño de Bugallido. Seguidamente a charla O divorcio entre Agricultura e Biodiversidade ofrecida polo profesor de Zooloxía de USC, Carlos Otero González achegoulle á veciñanza e ao público asistente a problemática que supoñen determinados xeitos de cultivo e a necesidade de volver ao cultivo de sementes autóctonas. O programa da primeira edición da Feira do Pan e do Cereal pechouse cun obradoiro de empanada tradicional.