A mobilidade sustentable é o eixo da escola de segunda oportunidade da Pobra

Vista aérea de A Pobra

Vista aérea de A Pobra / ECG

Mellorar as competencias prelaborais e profesionais dos mozos e mozas de 16 e 30 anos de toda a comarca é o obxectivo do Concello da Pobra a través da iniciativa A todo piñón: escola de segunda oportunidade do Barbanza para o curso 2023-2024, que conta co apoio da comunidade educativa e do tecido empresarial.

Trátase dun proxecto que empregará unha metodoloxía de intervención innovadora para tratar de impulsar unha transformación das persoas participantes nos ámbitos persoal, familiar, social e laboral que redunde positivamente no acceso ao mercado laboral, ao emprendemento ou a un cambio da súa estratexia vital.

A primeira parte deste itinerario formativo consiste nunha serie de laboratorios de aprendizaxe que se van impartir no CPR Divino Maestro. Centraranse no ámbito prelaboral, as habilidades básicas, a intervención psicolóxica, a vida saudable, o medioambiente, a sustentabilidade e o emprendemento.

De aí partirá a creación de empresas e a inserción laboral, ademais do plan Bicilar, que permitirá adquirir coñecementos e habilidades na reparación e restauración de bicicletas.