Poñen en valor o papel de Amabul na erradicación da flora exótica invasora

Máis de 2.200 escolares de nove centros educativos das catro provincias participaron en actividades de divulgación ambiental sobre esta cuestión

Membros da asociación Amabul tralo encontro/ xunta de galicia

Membros da asociación Amabul tralo encontro/ xunta de galicia / s. elvira

A directora xeral de Patrimonio Natural, Belén do Campo, puxo este martes en valor a colaboración da asociación ambiental Amabul en tarefas de concienciación e erradicación da flora exótica invasora. Durante o encontro que mantivo hoxe cun grupo de voluntarios e directivos desta asociación en Vedra, a directora xeral incidiu en que as tarefas de retirada levadas a cabo por Amabul permitiron a quitar, dende o ano 2020, de preto de 10.400 quilogramos de Tradescantia fluminensis da ZEC Sistema fluvial Ulla-Deza.

A maiores, Belén Do Campo subliñou o compromiso desta entidade coa concienciación da sociedade ante a problemática da flora exótica invasora. De feito, máis de 2.200 escolares de nove centros educativos das catro provincias participaron en actividades de divulgación ambiental sobre esta cuestión co obxectivo de promover entre o alumnado de educación infantil, primaria e secundaria a necesidade de erradicar estas especies dos espazos naturais galegos para protexer a nosa biodiversidade.