Muros-Noia conquista a 14 xornalistas de revistas como ‘Viajes National Geographic’ ou ‘Club Renfe’

Quedaron abraiados co mosteiro de Toxosoutos ou as laudas gremiais // Asistiron a un concerto de arpa ó aire libre // Os portugueses eloxian o Castro de Baroña e lamentan que o seu país non apostara polas escavacións

Teresa Villaverde, no centro, cos catorce xornalistas especializados en viaxes e turismo / ARD muros-noia

Teresa Villaverde, no centro, cos catorce xornalistas especializados en viaxes e turismo / ARD muros-noia / suso souto

Catorce xornalistas especializados en viaxes e turismo, de medios de Barcelona, Madrid e Portugal, percorreron este mes durante catro días os concellos da ría de Muros-Noia para empaparse e gozar dos vestixios históricos, da gastronomía, da beleza paisaxística e da cultura da comarca, que logo promocionarán en prestixiosas publicacións.

Concerto ó aire libre da arpista Beatriz Martínez / ard muros-noia

Concerto ó aire libre da arpista Beatriz Martínez / ard muros-noia / suso souto

O grupo foi recibido pola presidenta da Asociación Rural de Desenvolvemento Muros-Noia e alcaldesa de Lousame, Teresa Villaverde, e pola alcaldesa de Muros, Inés Monteagudo. Trátase de xornalistas dos medios Viajes National Geographic; La Vanguardia (suplemento Viajar); Luxury Traveling Magacine; Club Renfe; Revista Europa; ABC (Viajar); 20 minutos (Viajar y gastronomía); OK Diario (Cool thelifestyle); RV Edipress; Miradas Viajeras; Público (Portugal); Volta ao mundo (Portugal); Fugas (Portugal) e Wonder Go.

A actividade comezou o venres 12 cunha cea de produtos locais na Muradana, en Muros, e despois cunha visita nocturna á vila mariñeira coa asociación Muros, auga e sal. Os xornalistas descansaron nos hoteis muradanos Otantus, de recente apertura e que tamén recolle a historia da relación de Muros co sal, e no Hotel O Porto, recentemente rehabilitado.

O sábado visitaron o maxestoso Monte Louro, baixando desde as súas ladeiras ata a lagoa de Xalfas, de auga doce e tan só a uns centos de metros do mar na praia de Areia Maior, paraíso dos amantes do surf.

Clara Huguet, de National Geographic, a máis nova do grupo, dixo que era a primeira vez que visitaba Galicia. “A realidade supera as miñas expectativas. Non sei con que quedar: a naturaleza, as paisaxes e a xente causáronme gran impacto”, dixo.

A visita ao musealizado Estaleiro Ciprián, en Outes, deixou abraiada a Ana María Henriques, do diario de tirada nacional luso Público. “Quixera destacar a recuperación do estaleiro de ribeira: esta visita pareceume o momento máis bonito, nunca tal vin. Gustoume moito, en especial, a expresión dos carpinteiros cos pes mollados”, explicou.

Tras a comida de produtos da ría en Pepe do Coxo (O Freixo, Outes) chegou o momento de atravesar a ría e visitar Noia, e en primeiro lugar o seu casco histórico: a alameda, Santa María A Nova, o museo de Laudas Gremiais, a Praza do Tapal, a igrexa de San Martiño... Tamén houbo tempo para a música co espectáculo Danza histórica no Coliseo Noela.

Tamén deixou abraiados aos xornalistas a visita aos arredores da Central Hidroeléctrica do Tambre, edificio modernista de Antonio Palacios encadrado nunha zona de gran beleza natural, cunha fermosa ponte colgante e importante vexetación.

Tras a cea, na que degustaron as empanadas de Noia e produtos artesás de Conservas Sotavento, desfrutaron dun concerto de arpa de Beatriz Martínez, en representación do Noia Arp Fest, festival que este ano vai celebrar a súa décima edición. Logo aloxáronse no Hotel de Natureza Pesquería do Tambre.

Tamén foi intensa, e moi loada, a xornada dominical, que comezou cunha ruta de sendeirismo en Lousame, a Ruta das Papeleiras Abandoadas, que permite ver en toda a súa magnitude aínda as ruínas das antigas fábricas de papel.

Ao Castro de Baroña os xornalistas chegaron despois de visitar o mosteiro cisterciense de Toxosoutos, en Lousame, e as súas belísimas cascadas, e de comer en Casa do Tella e Rosalía, en Portosín, con degustación de peixe da marca Azul de Portosín no principal porto pesqueiro de cerco de Galicia. Tamén coñeceron unha praia tan preta e accesible coma maxestousa: Aguieira.

FOTÓGRAFO E ARQUEÓLOGO.

O Castro de Baroña foi o paraíso fotográfico de Pedro Monteiro, de Volta ao mundo. Ademais de fotógrafo é arqueólogo, e cumpriu un soño. Monteiro lamentou que no seu país, Portugal, non se apostara con forza por escavar os castros e tentar de recuperar as contornas. Baroña, na súa opinión, “é o exemplo perfecto”. Tras a visita a o miradoiro do Monte Enxa, en O Son, e una cea galega con queimada e representación meiga na casa de turismo rural de Chica ECO Turismo, en Meixonfrío, no concello de Lousame, a última noite os xornalistas descansaron novamente no Hotel de Natureza Pesquería do Tambre. “Esta terra é un paraíso, e os paraísos hai que protexelos”, sinalou Joseph Blanch, de Luxury Traveling Magazine.