Desconvocada a folga do lixo en Ames tras ratificar os operarios o acordo alcanzado con Urbaser

O servizo recupera a plena normalidade a partir de hoxe // A CIG destaca as melloras sociais conseguidas para os 24 traballadores

Os traballadores de Urbaser, concentrados diante do Concello

Os traballadores de Urbaser, concentrados diante do Concello / CIG

Despois de quince días de folga, o servizo de limpeza viaria e punto limpo de Ames, concesionado á empresa Urbaser, volve á normalidade. Os traballadores reuníronse este martes en asemblea para analizar o preacordo alcanzado horas antes coa empresa e aprobaron por unanimidade desconvocar o paro, que comezara o pasado día 8.

O secretario comarcal de CIG Servizos, Roberto Alonso, explicou a este xornal que o compromiso acadado con Urbaser non “satisface plenamente” as demandas económicas dos traballadores, que, entre outras peticións, reclamaban unha suba salarial equiparable ao IPC. Con todo, destacou que os operarios percibirán unha paga única á sinatura do convenio, que se estenderá ata o 31 de decembro de 2024, de 650 euros brutos. O acordo con Urbaser contempla tamén que a extra de outubro equipárase ao resto de pagas extraordinarias.

Outro aspecto que o sindicato convocante da folga valora positivamente foi o acordo polo que a empresa se compromete a pagar ata un 90 % das retribucións salariais dende o primeiro día en caso de incapacidade temporal por enfermidade ou accidente non laboral.

Con todo, o secretario comarcal de CIG Servizos sinalou que o acordo asinado con Urbaser é especialmente positivo no que atinxe ás melloras no apartado social das que se beneficiarán os traballadores. Neste sentido, explicou que a partir de agora os operarios terán dereito a tres días máis de asuntos propios, o que farán un total de sete.

Segundo destacou Alonso, é moi importante que un colectivo como este “que pasa tanto tempo á intemperie” poida ver reducido o seu período de traballo.

Outra das melloras pactadas por Urbaser e CIG Servizos e mellor valoradas polo sindicato é que, a partir do ano que vén, os 24 operarios do servizo de limpeza viaria non terán que traballar en domingo. A empresa comprometeuse a contratar persoal para cubrir as horas nas xornadas dominicais.

O que si entra en vigor coa sinatura do convenio é o permiso retribuido dun día que poderán coller os traballadores no caso de falecemento dun familiar de terceiro grao, mentres que a partir de 2024 disporán de 10 horas anuais para acompañar a familiares ao médico, catro delas por conta da empresa e seis que serán recuperables polo persoal.

O secretario comarcal de CIG Servizos destacou a unidade do colectivo, que secundou a folga practicamente na súa totalidade, e reiterou que a suba salarial equivalente ao IPC debera ser un dereito básico de toda a clase traballadora “defendido por todos os partidos políticos”. Lamentou tamén que non se puidera chegar a un acordo para consolidar a paga de 650 euros brutos que percibirán os operarios coa sinatura do novo convenio.

Chamamento do alcalde

Horas antes de que a asemblea de traballadores aprobara desconvocar a folga, o alcalde de Ames comparecía en rolda de prensa para pedirlle tanto á empresa concesionaria como ao sindicato convocante que sentaran a negociar “sen levantarse da mesa ata acadar un acordo”. Blas García destacaba a urxencia de que se lograra un compromiso de xeito inmediato “polo ben da veciñanza e dos propios traballadores”.

Precisamente, o decreto de servizos mínimos aprobado trala conocatoria de folga finalizara onte luns, prorrogándose por 15 días máis, o que supoñía manter o servizo ao 50%, decisión moi cuestionada por CIG Servizos, que cualificara de “abusivos” os servizos mínimos fixados.

TEMAS