‘Fotonatureza’ exponse na sala Luis Seoane do mulitusos de Catoira

Ramón Encisa, no centro/ concello de catoira

Ramón Encisa, no centro/ concello de catoira / s. e.

A sala Luis Seoane do edificio multiusos de Catoira acolle desde o fin de semana a exposición Fotonatureza, que foi inaugurada nun acto ao que asistiron o autor das fotografías, Ramón Encisa, o alcalde, Alberto García e o tenente alcalde Javier César. Alberto García eloxiou o traballo do vilagarcián Ramón Encisa, e destacou, da mesma forma que o autor, a necesidade de de dar a coñecer ás novas xeracións a ampla variedade de especies que nos rodean e transmitir o valor de cada unha delas no equilibrio do ecosistema.

A natureza e a fotografía son dúas das grandes paixóns de Ramón Encisa. A súa curiosidade pola fauna, especialmente polos paxaros da nosa contorna, acompáñao desde ben pequeno, cando observaba atentamente as aves e intentaba lembrar os seus cantos. O que comezou como unha afección hai máis de 40 anos converteuse nun arduo, extenso e moi valioso traballo de documentación fotográfica de aves, insectos, orquídeas ou fungos de boa parte da xeografía galega.

Membro do colectivo micolóxico A Cantarela, a súa capacidade para transmitir a singular beleza das especies naturais que nos rodean fíxoo merecedor dunha vintena de premios en concursos a nivel nacional e internacional.