O BNG de Brión aposta por municipalizar o comedor do CEIP de Pedrouzos

O candidato á alcaldía polo BNG, Xosé Penas

O candidato á alcaldía polo BNG, Xosé Penas / Facebook

Redacción

O BNG continúa a divulgar entre as veciñas e veciños de Brión o seu programa electoral. Este luns, os nacionalistas publicaban nas súas redes sociais un vídeo protagonizado polo seu candidato á alcaldía, Xosé Penas, denunciando que a conciliación é “inexistente” no citado municipio coruñés.

Este novo vídeo protagonizado polo candidato do BNG á alcaldía do Concello de Brión está gravado diante do colexio público de Pedrouzos.

Precisamente, o Bloque Nacionalista Galego leva no seu programa electoral o compromiso de municipalizar o servizo de comedor “co obxectivo de dar un servizo público e de calidade que responda ás necesidades das familias”, explica a formación.

POUCA CONCILIACIÓN

En opinión de Xosé Penas, a conciliación “non é meter nenas e nenos no estacionamento dun centro comercial, que é o que fixo o Concello de Brión durante o pasado campamento de verán, en plena vaga de calor”, segundo afirmou ao respecto.

O candidato nacionalista á alcaldía de Brión explicaba na gravación difundida nas redes que a día de hoxe as prazas de conciliación son “poucas e caras”.

Asimesmo, asegura que as políticas de conciliación do Concello “tamén carecen de proxecto para os adolescentes e para as persoas maiores”, algo que Xosé Penas se compromete a cambiar para facer “unha conciliación que sexa real e transversal”.