Rueda insiste en que “só hai dous modelos: o do sentidiño do PP ou o de Pedro Sánchez”

Arroupou este luns aos candidatos de Carballo, Muros, Outes e Noia // Acompañárono o coordinador nacional, Elías Bendodo, e o presidente provincial do partido, Diego Calvo

Santiago Freire, segundo pola esquerda, Alfonso Rueda, Elías Bendodo e Diego Calvo paseando este luns polas rúas da vila de Noia /PP DE Galicia

Santiago Freire, segundo pola esquerda, Alfonso Rueda, Elías Bendodo e Diego Calvo paseando este luns polas rúas da vila de Noia /PP DE Galicia / J. M. RAMOS

O presidente do PPdeG, Alfonso Rueda, xunto co coordinador e director de campaña do PP nacional, Elías Bendodo, e o presidente provincial, Diego Calvo, arroupou este luns aos candidatos populares de Carballo, Noia, Outes e Muros.

Na capital de Bergantiños, Rueda insistiu en que só hai dous modelos posibles este 28-M: “ou a estabilidade e o sentidiño do PPdeG ou o modelo dun Pedro Sánchez ao que non queren nin os seus candidatos”. Subliñou que os candidatos populares saen a gañar e a gobernar en todos os concellos, “e os seus rivais políticos só aspiran a que ao PP lle falte a maioría para poder xuntarse”.

Tamén Elías Bendodo fixo un chamamento á unidade do voto en torno ao PP “para hacer frente a las políticas del sanchismo”. “Somos el único partido en el que caben todos los españoles”, engadiu.

Pola súa banda, o candidato á alcaldía de Carballo, Rubén Lorenzo, asegurou que a súa candidatura “é a única alternativa de cambio” ao tempo que reivindicou o seu desexo de devolverlle ao concello “a condición de cabeceira de comarca e locomotora da Costa da Morte”.

En Noia, os dirixentes populares realizaron un percorrido polo centro histórico e compartiron impresións coa veciñanza, ao tempo que comprobaron os resultados “da xestión eficaz” de Santiago Freire á fronte do Concello desde 2016. Para os próximos catro anos propón a construción dun novo centro de saúde, a posta en marcha do centro de día nas naves da antiga fábrica de Chaínza, a ampliación do solo industrial en Augalevada, a remodelación da estación depuradora, a creación dun local multiusos orientado á mocidade e a remodelación integral do conservatorio, entre outras iniciativas.

Muros foi outra das vilas que visitaron, onde Rueda e Bendodo aplaudiron a xestión de Inés Monteagudo e se amosaron convencidos de que isto se traducirá nun apoio maioritario dos seus veciños este 28-M.

A alcaldesa aspira a acadar unha maioría suficiente para poñer en marcha os proxectos que ten en mente. Os piares do seu programa son a cogobernanza, a participación cidadá, a sustentabilidade do territorio e uns servizos públicos que teñan ás persoas no centro de actuación.

No seu percorrido fixeron tamén unha parada en Outes para reunirse co candidato do PP, Francisco Calo, e o seu equipo, para animalos a seguir traballando con humildade.