Fabiola García garante o apoio ao labor social de Aspadex e Apem en Cee

Fabiola García, no centro, en Apem

Fabiola García, no centro, en Apem / Xunta

A conselleira de Política Social e Xuventude, Fabiola García, visitou este martes os servizos residenciais, de atención diúrna e centro ocupacional que teñen en Cee a Asociación Pro Enfermos Mentais (Apem) e a Asociación de Padres de Personas con Discapacidad Intelectual (Aspadex), e destacou “a profesionalidade e os coidados que reciben as persoas usuarias dos seus centros”.

Salientou ademais que nos últimos anos se ten avanzado moito na atención ás persoas con discapacidade. Neste sentido, garantiu o apoio da Xunta para que entidades como Apem e Aspadex “poidan axudar cada vez a máis familias e leven os seus servizos a un maior número de persoas”.

Apem ofrece aos seus usuarios servizos de respiro familiar, psicoeducación para as persoas enfermas e tamén para os seus familiares, atención domiciliaria e acompañamento integral, información e orientación, ao tempo que promove campañas de sensibilización e fomenta o voluntariado. Pola súa banda, Aspadex conta cunha vivenda comunitaria e cun centro especial de emprego para favorecer a inserción laboral dos seus usuarios. Dispón tamén de centro de día e dun centro ocupacional no que desenvolven distintos traballos.