O BNG propón reordenar o espazo urbano para crear unha praza central no Milladoiro

Acto aberto do BNG de Ames na travesía do Porto / bng ames

Acto aberto do BNG de Ames na travesía do Porto / bng ames / REDACCIÓN

Redacción

O BNG de Ames organizou un acto aberto na travesía do Porto para trasladar a proposta de modificación do actual Plan Xeral de Ordenación Municipal (PXOM) no próximo mandato, que xa conta con vinte anos de antigüidade.

Os nacionalistas consideran que a dotación de novos espazos públicos debe reordenarse, ao desprazarse o eixo de ampliación e crecemento urbano cara a zona oeste, polo que a rúa Agro do Medio gaña centralidade entre a travesía do Porto e a avenida Rosalía de Castro.

Por este motivo, o BNG de Ames contempla a posibilidade de realizar un Plan Parcial que permita crear unha nova praza central. No actual PXOM está prevista unha rotonda que, “ademais de deixar sen uso este espazo, unicamente intensificaría máis o paso de vehículos”, afirman.

Con este obxectivo, o candidato á alcaldía e concelleiro de Axenda Urbana, David Santomil, xunto con Luís Bará, deputado do Parlamento de Galicia e exconcelleiro de Pontevedra, debateron cos asistentes ao encontro sobre as propostas para mellorar e reordenar os espazos públicos, crear novos corredores verdes e zonas de aparcadoiro.

Por outra banda, o BNG considera que é o momento de aproveitar a xestión pública do servizo de augas para potenciar o financiamento de novas infraestruturas de abastecemento e saneamento ás zonas rurais que aínda non dispoñen destes servizos. Os nacionalistas avogan tamén pola colaboración coas traídas privadas e as comunidades de augas no sistema de abastecemento no rural “para garantir auga de calidade e en condicións de salubridade”.