O PSOE de Vimianzo anuncia unha renovación integral do estadio de fútbol municipal

Mónica Rodríguez di que tamén serán obxecto de reformas os pavillóns de Baíñas e da capital local

Campo de fútbol municipal de Vimianzo

Campo de fútbol municipal de Vimianzo / ECG

O PSOE asegura que Vimianzo é un municipio no que o deporte é un factor social cada vez máis en auxe, sobre todo aquel relacionado con carreiras ou probas de obstáculos. Os dúatlons de Reis ou Val de Soneira, carreiras pedestres enmarcadas no circuíto Correndo pola Costa, rutas de sendeirismo, fútbol, tiro con arco, patinaxe ou taekwondo son algúns dos deportes que máis se practican.

“Desde o PSOE coñecemos as necesidades da nosa veciñanza e intentamos atendelas todas, sendo o impulso ao deporte unha delas”, afirma a alcaldesa e candidata á reelección, Mónica Rodríguez, quen se marca como un dos obxectivos a cumprir nos próximos catro anos “a renovación integral do campo de fútbol municipal”.

“Levaremos a cabo unha renovación tanto dos vestiarios como do céspede, que será artificial. Así, incrementaremos a seguridade e o benestar de todos os xogadores, porque todo inflúe”, subliña.

Ademais, o equipo socialista acometería melloras nos polideportivos de Baíñas e Vimianzo. Neste último, renovouse recentemente a iluminación, apostando por luces LED. “Hai que ver máis alá nunha reforma. Por suposto, as obras cumpren co seu fin primordial, que é mellorar a calidade de vida dos deportistas, pero non debemos esquecer que os cambios tamén deben ser favorables para a administración local e, en definitiva, para a veciñanza, posto que con certas modificacións reduciranse gastos”, conclúe a rexedora.