Entrevista | JOSÉ LUIS MARTÍNEZ Candidato do PP e rexedor

A pugna por Ordes: “Queremos competir coa Coruña e Compostela para captar empresas e poboación”

O alcalde de Ordes, e candidato polo PP, José Luis Martínez Sanjurjo nunha imaxe das súas redes

O alcalde de Ordes, e candidato polo PP, José Luis Martínez Sanjurjo nunha imaxe das súas redes / J.M.S.

Cales son os seus proxectos estrela ou necesidades perentorias que quere solucionar o PP?

Coas contas municipais saneadas, sacaremos proveito do PXOM que entrará en vigor en breve. Queremos competir coa Coruña e Santiago na captación de empresas e poboación. A tramitación urbanística é cinco veces máis rápida en Ordes que en Santiago e pretendemos axilizala aínda máis. Ampliaremos a residencia da terceira idade en 100 novas prazas e poremos en marcha unha segunda gardería pública, que estará na vila. Seguiremos humanizando rúas e espazos públicos urbanos e potenciaremos a aplicación de aglomerado en quente nas pistas das parroquias.

A maioría de candidaturas son de esquerdas en Ordes, e as independentes desapareceron. Conta con acadar outra maioría absoluta?

Non me gusta dar nada por feito. Estamos traballando con máis intensidade que nunca co obxectivo de acadar unha maioría reforzada. Porque sabemos ben que os nosos contrincantes non teñen máis programa que desaloxar ao PP. Proxectos ningún, só carraxe. A xente percíbeo perfectamente.

Pensa que debe de gobernar a lista máis votada sempre?.

Por suposto. É a miña opinión desde sempre. O contrario adoita provocar pactos contra natura que atentan contra os intereses da cidadanía. En Ordes sabémolo ben. Aínda recordamos algunhas falcatruadas derivadas deses pactos levados a cabo no pasado.

Como foi a relación ca oposición nestes catro anos?

Correcta no plano institucional; e cordial no persoal. Pena que non tiveran suficiente altura de miras en febreiro e ter votado a favor da aprobación provisional do PXOM, a decisión mais importante no pleno.

Concepción Berdomás. Líder do PSDG

Concepción Berdomás

Concepción Berdomás / PSDG

“E unha prioridade para o PSOE volver a ser motor económico da comarca”

Cal é o seu proxecto central?

O noso maior proxecto é a creación de emprego en Ordes. Para lograr este obxectivo ideamos medidas moi concretas: tramitación urxente de licenzas municipais, bonificacións fiscais para novas empresas, a ampliación de chan industrial, realización de melloras no polígono industrial (instalación de puntos de carga para coches eléctricos, aumento da sinalización, pavimentación...) ou, inclusive, a negociación directa coas empresas dende o concello. Todo isto virá acompañado de servizos que favorezan a conciliación familiar tales coma a execución dunha nova gardaría e un centro de día público. Para o PSOE é unha prioridade que Ordes volva ser o motor económico da comarca.

Que lle está a contar a xente nestes días de campaña? Que necesidades trasladan?

Moitas persoas estannos a manifestar a vontade dun cambio de goberno en Ordes. As necesidades son variadas en función da etapa vital da veciñanza ou o tipo de familias. Entre as demandas máis escoitadas están a mellora das estradas, a creación de sendas peonís que permitan camiñar polas parroquias con seguridade, a creación de emprego, o aumento de servizos dirixidos á infancia e á terceira idade, a implantación de fibra óptica nas aldeas ou o achegamento de actividades culturais e deportivas ás parroquias. A gran maioría están recollidas no noso programa electoral, o que indica que o grupo socialista tivo unha alta sensibilidade para detectar as necesidades da veciñanza.

Que lle diría a un veciño indeciso para ‘animar’ o seu voto?

Diríalle que a veciñanza xa tivo oportunidade de valorar a nefasta xestión do PP durante estes oito anos, catro dos últimos con maioría absoluta. Agora é momento de brindar unha oportunidade ao Partido Socialista para executar o noso programa electoral e recuperar o retroceso económico que sofre a vila e as parroquias.

Como foi a relación co goberno popular nestes catro anos?

A relación foi mellorable. A falta de diálogo fixo que moitas das propostas achegadas polo PSOE non fosen tidas en conta. O goberno desmereceu o noso traballo como concelleiras e ignorou, en gran medida, as peticións da veciñanza.

Haberá maioría absoluta?

De habela agardamos que sexa do PSOE. Precisamos saír desta situación de bloque.

Pablo Vidal. Candidato do BNG de Ordes e concelleiro

Pablo Vidal, cabeza de lista do Bloque Nacionalista Galego ordense

Pablo Vidal, cabeza de lista do Bloque Nacionalista Galego ordense / BNG

“Ampliaremos o polígono, construirase un centro de día e unha escola infantil”

Que obras importantes leva para Ordes o programa do Bloque?

Se tivese que destacar cinco, escollería descubrir o río no campo da feira, ampliando o paseo ata a zona do matadoiro, onde crearemos espazos verdes para goce da veciñanza e dos nosos maiores que se atopan na residencia, con amplas zonas de estacionamento. Por outra banda, a reforma do parque municipal, nivelando a súa superficie e creando aseos accesibles con espazo para mudar as crianzas. Tamén considero importante a ampliación do polígono industrial de Merelle, implantando nel un viveiro de empresas e unha comunidade enerxética local. A construción dun centro de día e dunha escola infantil de xestión pública considerámolas prioritarias.

Poderá a esquerda desaloxar ao Partido Popular do poder?

Cada vez estou mais convencido de que o imos conseguir. Estamos nun contexto onde por primeira vez en moito tempo, acoden unicamente tres candidaturas en Ordes. Nas últimas eleccións o PP obtivo menos votos que o resto de candidaturas en conxunto. Durante a campaña, estamos a detectar que existe moita xente con ansias de cambio.

Como imaxina Ordes dentro de catro anos se gañan?

Vexo un Ordes que soubo integrar a natureza nas súas rúas, equilibrando espazos peonís e zonas de aparcadoiro. Unha vila e unhas parroquias cheas de vida, nas que en tódalas fines de semana, exista unha actividade cultural, un motivo para acudir e xerar movemento económico, aproveitando o moito talento que temos na contorna. Un Concello que soubo como recuperar as feiras, a praza de abastos e atraer empresas para o polígono industria.

Hai moita tensión nos plenos?

Creo que é mais que coñecida a postura do alcalde e do seu goberno local nos plenos; sen ir mais lonxe, eu mesmo fun expulsado do pleno polo alcalde en dúas ocasións no presente mandato. Atopámonos cun PP que puxo tódalas trabas posibles á hora de poder debater mocións, votando sistematicamente en contra da urxencia das mesmas, e adoptando un ton nada construtivo á hora de responder ás propostas ou preguntas. Mudaremos esta situación.