Oujo promete ampliar o polideportivo da Tarela e recuperar o Camiño Real

O candidato do PP á alcaldía do Son, Luis Oujo, nun mitin da campaña

O candidato do PP á alcaldía do Son, Luis Oujo, nun mitin da campaña / PP Porto do Son

O candidato do PP á alcaldía do Son, Luis Oujo, comprometeuse nesta campaña a ampliar o complexo deportivo da Tarela e a recuperar o Camiño Real. Neste sentido, asegurou que “o benestar da poboación depende do deseño das cidades e das vilas. Os espazos públicos deben avanzar cara un modelo que xere sustentabilidade económica, social e ambiental”.

“Queremos seguir mellorando O Son e Portosín e recuperar o encanto dos núcleos tradicionais de todo o noso municipio”, dixo, ao tempo que afirmou que continuará apostando “por espazos públicos sostibles e accesibles que fomenten a participación social e espazos singulares que armonicen de forma natural coa contorna e poñan en valor o patrimonio”.

Oujo lembrou que “desde 2011 traballamos para que o Concello do Son sexa solvente e saneado, con capacidade económica para poder facerlles fronte aos retos aos que se enfronta o municipio”.

Nesa liña, destacou que “conseguimos en todos estes anos mudar totalmente a situación económica; pasamos de ter un 82 % de débeda a ter débeda 0 con entidades financeiras, e incrementar exponencialmente os recursos dos que dispoñemos para xestionar os recursos públicos, elevando o orzamento ata alcanzar os case 12 millóns de euros neste ano”.