Despois de dúas edicións de gañadores carballeses, este ano o premio do concurso do cartel de San Xoán viaxa ata Valencia. A proposta de Sergio Iborra Colomer, de Xátiva (Valencia) foi a escollida polo xurado entre as vinte presentadas.
Licenciado en Ciencias da Información, na especialidade de Publicidade e Relacións Públicas, Iborra presentou unha proposta innovadora pero fiel ás tradicións, que recolle os principais símbolos da festa.
O lume, as sardiñas, a maxia da noite meiga e mesmo os barcos de papel que baixan cada ano polo río Anllóns na Festa do Bosque están presentes no cartel promocional.
O currículo profesional do gañador (director creativo, profesor de marketing, departamentos de comunicación institucionais e privados...) é tan extenso como o seu palmarés en premios, que está a aumentar neste ano 2023 a unha velocidade de vertixe, segundo subliñan dende o Concello carballés.
Polo cartel do San Xoán recibirá un premio de 450 euros, patrocinado por Opticalia Enríguez.