Xosé Manuel Beiras voltou á arena política para arroupar a Anova en Val do Dubra

Solicitou o apoio para que Antonio Negreira retorne á alcaldía // Intentarán recuperar servizos, zonas verdes e infraestruturas // É a única ‘delegación’ que queda na comarca

Antonio Negreira acompañado por Xosé Manuel Beiras no seu mitin celebrado en Portomouro

Antonio Negreira acompañado por Xosé Manuel Beiras no seu mitin celebrado en Portomouro / Anova

Marcos Manteiga

O tan polémico como histórico líder do nacionalismo galego, Xosé Manuel Beiras, participou nun único acto político diante das vindeiras eleccións municipais: o que celebrou Son de Dubra-Anova na localidade valdubresa de Portomouro. Así, e cun auditorio entregado, Beiras aportou o seu gran de area á campaña dun incombustible Antonio Negreira que quere retornar á alcaldía cun programa no que os servizos, infraestruturas e medio ambiente son pedras angulares.

“Queremos intentar recuperar o Val do Dubra que retrocedeu na pandemia co Partido Popular”, aseveraba o líder nacionalista local, laiándose de que ese retroceso implicara “a perda de actividade económica”. A súa intención pasa por “converternos nun Concello activo, alegre e con servizos ao pé de Santiago de Compostela”, retornándolle “os valores paisaxísticos e ambientais”.

Ademais, e diante dun auditorio que conformaron simpatizantes e curiosos na parrillada San Cristóbal, Negreira enumerou algúns dos seus alicerces programáticos, como poden ser “a rehabilitación de núcleos con servizos básicos” e tamén darlle a importancia que merecen “aos nosos maiores, xa que en Val do Dubra máis dun 31 por cento da poboación son xubilados, e precisamos un centro de día de inmediato”.

Polígonos

Tivo tamén lembranza o candidato para a actividade económica local, que pretende reactivar “vinculándoa co polígono compostelán e coa posta en marcha de solo industrial no noso municipio”. Outras partes importantes do seu programa pasan por “mellorar infraestruturas viarias cara a Carballo e a capital galega”, sen esquecer “a humanización das travesías principais de Bembibre e Portomouro”, as dúas localidades principais nun Concello que rolda os 3.800 habitantes e que esta conformado polo val que orixina o río Dubra (antes chamábase Buxán).

No acto central, Antonio Negreira estivo acompañado por Iván Barcía, o número dous da candidatura en representación de Portomouro e o seu posible relevo en vindeiras eleccións. Anteriormente pasaron por Val do Dubra Martiño Noriega, Concha Fernández ou Antón Sánchez.