Melide delimita un novo sector para contar con outros 318.000 metros cadrados de solo industrial

Foi no último pleno extrodianrio celebrado pola Corporación na actual lexislatura e medida aprobouse cos votos en contra do PP

Un momento da votación sobre o solo industrial no pleno extraordinario de Melide /concello de melide

Un momento da votación sobre o solo industrial no pleno extraordinario de Melide /concello de melide / s. elvira

O pleno extraordinario de Melide celebrado na tarde do xoves 25 de maio aprobou por maioría absoluta a modificación das normas subsidiarias que permitirá delimitar un novo sector de solo industrial en Melide. Deste modo, puxose fin a un dos grandes obstáculos para o crecemento empresarial do municipio, que sumará 318.000 novos metros cadrados.

O terreo que se converte así no novo solo de uso industrial atópase nas proximidades da autovía Lugo-Santiago, un punto estratéxico de comunicación que se verá reforzado cando rematen as obras desta infraestrutura. A localización conta con todos os informes favorables preceptivos de secretaría, intervención e asesoría xurídica. A inexistencia destes informes supuxo o descarte doutras alternativas, caso da ampliación do polígono da Madanela -imposible por afectar terreos da Rede Natura- ou unha área próxima ao cemiterio de Furelos.

A proposta sometida a pleno extraordinario contou cos votos positivos dos grupos de Adiante Melide e Partido Socialista Obrero Español, mentres que o Partido Popular mantivo a mesma postura que no pleno extraordinario de febreiro onde se opuxo ao proxecto de ampliación de solo industrial.

A fórmula de urbanización do novo solo industrial será a creación dunha Entidade Urbanística de Conservación, o que ofrecerá aos 54 propietarios dos terreos a posibilidade de desenvolveren nas súas fincas iniciativas de interese social. Transcorrido o prazo dun ano, se isto non se produce, o Concello poderá promover alianzas estratéxicas coas administracións de rango superior, caso da autonómica, estatal ou europea.

Na súa intervención, a popular Dalia García criticou a fórmula escollida e defendeu optar por unha recalificación do solo afectado e incluílo no plan de áreas sectoriais. En resposta, o portavoz socialista José Prado lembrou que coa fórmula aprobada “aos propietarios resérvaselles, non se lles obriga, a posibilidade de poder actuar durante os primeiros doce meses”. Prado referiuse tamén ao esgotamento do solo industrial dende o ano 2010, sen que durante moitos anos se levase a cabo un proxecto.

Pola súa banda, o portavoz de Adiante Melide, Xosé Igrexas, defendeu o “interese maior” de Melide en dotarse dun novo solo industrial. “É o proxecto fundamental do futuro de Melide”, asegurou sobre a proposta aprobada en Pleno, sinalando que non apoiar esta proposta “non é ir en contra do Goberno senón ir en contra de Melide”. “Nun futuro próximo teremos un novo parque industrial”, prometeu.