Axentes de desenvolvemento local de Área lideran un proxecto de economía circular a nivel europeo

Técnicas de Vimianzo, de Outes e da Deputación da Coruña deron a coñecer en Alemaña un plan de formación dirixido a profesionais, empresas e estudantes // Compartiron experiencias cos socios doutros cinco países

Rosa Sánchez, secretaria de Afiprodel, no centro á esquerda, cos participantes no encontro europeo celebrado na cidade de Hamburgo

Rosa Sánchez, secretaria de Afiprodel, no centro á esquerda, cos participantes no encontro europeo celebrado na cidade de Hamburgo / Afiprodel

A Asociación de Profesionais de Desenvolvemento Local de Galicia (Afiprodel), impulsada dende a Costa da Morte, presentou en Hamburgo (Alemaña) as accións que está a desenvolver ao abeiro do proxecto europeo Circular.rur, desenvolvido dentro do programa Eramus+, e entre as cales destaca un programa de formación aberta e online sobre a economía circular. Ata a cidade alemana desprazáronse a secretaria de Afiprodel e axente de desenvolvemento local do Concello de Vimianzo, Rosa Sánchez; a vicesecretaria e técnica da Deputación Provincial da Coruña, Sofía Agrafojo; e a experta en proxectos europeos do Concello de Outes, Roxana Topciov.

“Dende Afiprodel xa deseñamos o formato do plan formativo, e levará aparellada a obtención dunha certificación acreditativa da formación adquirida”, indicou Rosa Sánchez.

Sofía A. Fayó Freites, da consultora INDA, entidade contratada como xestora do proxecto, asegura que se trata dunha formación MOOC (Massive Online Open Course), dirixida aos profesionais de apoio ao emprendemento (técnicos de emprego e desenvolvemento local), axentes de desenvolvemento rural, formadores de centros de FP, profesionais de asociacións de desenvolvemento rural, empresarial e asociacións de mulleres, e estudantes.

“El objetivo de este currículum formativo (MOOC) será capacitar para el asesoramiento inteligente sobre nuevas oportunidades de negocio circular en la Europa rural a estos grupos objetivo”, subraya.

O MOOC porase en marcha nas vindeiras semanas e estará aberto a todo o público. Asemade, en outubro levarase a cabo unha formación intensiva (formador de formadores) para capacitar os grupos obxectivo como referentes no ámbito da formación técnica en dinamización rural a través do asesoramento en emprendemento en iniciativas de economía circular.

O proxecto final será coordinado polo socio irlandés WIN Consultants, pero “todos los socios, incluyendo Afiprodel, han colaborado en el desarrollo de los contenidos formativos del curso”, di Sofía Fayó.

O obxectivo de Circular.rur é promover a transferencia de coñecementos innovadores sobre economía circular e o desenvolvemento de novos modelos de negocio baseados nesta, que respondan ás expectativas dos mercados laborais nacionais e europeos, e que brinden novas oportunidades de activación fronte aos retos actuais, fomentando contornas rurais máis modernas e sostibles, a través do apoio intelixente dos profesionais da área de desenvolemento rural aos futuros emprendedores.

No encontro celebrado en Alemaña, a delegación galega puido coñecer tamén os proxectos dos socios europeos que participan no mencionado proxecto, que agrupa a institucións galegas, croatas, irlandesas, alemás, italianas e gregas.

Entre as experiencias compartidas destacaron, segundo Rosa Sánchez, as impulsadas pola provincia holandesa de Frisia, “que pretende ser un referente de economía circula en toda Europa”. Con tal fin, engade, involucraron “a administracións públicas, empresas e centros de formación, entre outros”.