A Laracha ampliará a rede de saneamento de Erboedo cunha subvención da Xunta

A achega económica realizouse ao abeiro da liña de subvencións en réxime de concorrencia competitiva do Fondo de compensación ambiental

Arquivo dunhas obras de canalización en Erboedo

Arquivo dunhas obras de canalización en Erboedo / Concello da Laracha

Redacción

A Vicepresidencia Segunda e Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes vén de comunicar ao Concello da Laracha a concesión dunha achega económica ao abeiro da liña de subvencións en réxime de concorrencia competitiva do Fondo de Compensación Ambiental para o financiamento do proxecto de ampliación da rede de saneamento na parroquia de Erboedo.

A intervención deseñada polo Concello contempla a construción dun novo ramal dunha lonxitude aproximada de 400 metros que conectará a rede existente nos núcleos do Igrexario e de Reirís coa depuradora situada no lugar do Toural. A obra tamén permitirá, nun futuro, avanzar cara a ampliación do servizo a outros núcleos de poboación, así como a ampliación da calzada polas que discorrerán as tubaxes soterradas.

O proxecto ten a dobre finalidade de mellorar os servizos e a calidade de vida das persoas residentes nesa zona rural, ao mesmo tempo que favorecerá o equilibrio entre a actividade humana e os ecosistemas naturais ao evitar posibles verquidos de augas residuais nun espazo próximo ao río Anllóns. O orzamento é de 40.000 €.