A Policía Local de Ames advirte que están a circular billetes falsos de 10, 20 e 50 euros

Chaman á colaboración cidadá para detectalos e poñerlle fin a esta fraude

Billetes de euro

Billetes de euro / EP

Redacción

O Concello de Ames vén de facer pública unha alerta da Policía Local deste municipio advertindo de que están a circular billetes falsos, en concreto de 10, 20 e 50 euros. A través da súa conta de Twitter, o consistorio amesán pide precaución á veciñanza, e que se comproben os billetes, tanto antes de pagar como ao recibir o cambio nas operacións en efectivo. Para deter esta fraude, piden a difusión do aviso e a colaboración da veciñanza de Ames. En caso de detectar algún billete falsificado, a policía solicita que se poñan en contacto chamando ao teléfono 619767575.

Como saber se un billete é falso?

A emisión de billetes falsos segue sendo unha técnica criminal común, tal e como adoita advertir a Policía Nacional con certa frecuencia. Aínda que o uso das tarxetas de crédito e de aplicacións como Bizum fixo que o efectivo sexa cada vez menos común, quen emprega efectivo pode ser vítima dos billetes falsos, unha trampa sen dúbida a evitar.

O problema nestes casos adoita ser detectar estes billetes espurios. Os bancos e comercios téñeno máis fácil, xa que contan con ferramentas para poder facelo. Pero que pode facer o cidadán do montón?

Existen algúns trucos para saber se un billete é falso. Convén coñecelos e poñelos en práctica para que non cha coen e evitar esta fraude. 

Explicámosche como saber se un billete é falso e tamén o que debes facer para identificar os exemplares falsos de 50 euros, que son dos máis falsificados. 

O Banco de España ofrece diferentes trucos para que saibas identificar os billetes falsos. O método coñécese como "mire, toque, vire" e iso é, precisamente, o que nos axudará a saber se nos están enganando. 

Isto é o que se debe facer para saber se un billete é falso, segundo a institución monetaria central: O primeiro é tocar: a textura dos billetes reais é firme e resistente, xa que se fabricaron cun proceso que lles dota dun tacto inconfundible. Mirar: observando a contraluz podes recoñecer a marca de auga e o fío de seguridade; se non os ves é porque o billete é falso. A terceira acción é virar: na banda prateada verás un retrato de Europa nunha xanela transparente, ademais o número verde esmeralda produce un reflexo metálico.

"Os billetes en euros incorporan medidas de seguridade moi avanzadas para facilitar o recoñecemento dos billetes lexítimos, o que, por contraste, axudará a detectar os exemplares falsos con só prestarlles un mínimo de atención", asegura o Banco de España.