A patronal do turismo de Costa da Morte promocionará os produtos pesqueiros e marisqueiros

Impulsará un proxecto piloto co apoio da Consellería do Mar e dos profesionais do sector

A conselleira do Mar, Rosa Quintana, no centro cos directivos de APTCM

A conselleira do Mar, Rosa Quintana, no centro cos directivos de APTCM / APTCM

J. M. Ramos

A Asociación de Profesionais do Sector Turístico da Costa da Morte (APTCM) impulsará un proxecto piloto de promoción dos produtos pesqueiros e marisqueiros neste ano 2023 e unha iniciativa de carácter trianual que potencie e promova accións entre o sector pesqueiro e os empresarios socios da entidade.

Unha proposta para a que recabaron o apoio da Consellería do Mar nunha xuntanza celebrada este xoves coa conselleira, Rosa Quintana, e a directora xeral de Desenvolvemento Pesqueiro, Susana Rodríguez.

A colaboración entre sector pesqueiro, profesionais do turismo e a administración serán a base para levar a cabo as diferentes campañas de promoción baseadas nun sistema que ademais de promocionar os produtos locais, buscará poñelos en valor.

Entre os obxectivos de APTCM está o de dar valor ao produto local implicando aos sectores do mar e empresarial ao longo de todo o ano "para paliar un déficit que o territorio ten nestes intres como é a desestacionalización", afirma Pepe Formoso, presidente da asociación.

Acompañado do vicepresidente, Julio Castro; o secretario, Damián Suarez, e o responsable da asistencia técnica, Juan Gómez, presentáronlle ás responsables de Mar a filosofía da nova directiva e as liñas de traballo polas que se van rexer nos próximos anos.

"A asociación debe ser un nexo de unión entre os diferentes axentes do territorio poñendo en valor a calidade dos produtos (neste caso, pesqueiros e marisqueiros) a través de diferentes accións tales como xornadas de exaltación por especies ao longo do ano e facendo partícipes as entidades pesqueiras (confrarías de pescadores) e aos locais de restauración e outro tipo de asociados de APTCM", sinalou Pepe Formoso.

Dende a Consellería do Mar “amosaron o total apoio a este tipo de iniciativas, que consideran dunha gran importancia para a promoción non só dos axentes da pesca e do marisqueo, senón tamén do territorio", subliñou Formoso.

No transcurso da reunión definíronse as liñas de traballo concretas e elaborarán un calendario conxuntamente coas organizacións pesqueiras de xornadas de promoción e degustación, sempre respectando o momento mais óptimo das especies.

 Baixo esta premisa esperan acadar tres dos principais obxectivos de APTCM: "sustentabilidade, ofrecendo os produtos nas épocas propias de captura e trasladando dende o sector turístico a información necesaria aos consumidores das épocas de veda onde non se poderían consumir; calidade, no mellor momento das condicións dos peixes e mariscos en relación coa época do ano da zona da Costa da Morte (os chamados meses con R), levándonos, polo tanto, a unha situación de desesestacionalización, aspecto e obxectivo primordial este último, para o sector turístico da Costa da Morte", conclúe Pepe Formoso.

TEMAS