Volve á carballeira brionesa de Santa Minia o festival para loitar contra a doenza de Dent

Os asistentes poderán desfrutar da mellor música, cultura e xogos o vindeiro 17 de xuño

Cartel solidario do festival solidario Fest for Dent

Cartel solidario do festival solidario Fest for Dent / Xosé Vizoso

Volve o Festival Solidario de Brión a beneficio de Art for Dent o vindeiro día 17 de xuño na carballeira de Santa Minia. E todo o que se recade nel será destinado á investigación da enfermidade de Dent no Nefrochus (Instituto de investigación sanitaria de Santiago de Compostela)️. En concreto, están confirmadas as actuacións e demostracións dos Quinquilláns (17:00 horas), Diego Castro (17:30), a Asociación Galega de Xogo Popular e Tradicional (18:00 h.), o obradoiro de maquillaxe de Biosbardos (tamén ás 18:00), Agrupación Folklórica de Brión (19.15 horas), Ana Fernández (19:45), Banda de Música de Brión (20.30 h.) A Banda da Balbina (21:00), Taz (22:15 horas), Blue Riband (23:00 h.) e pecharán ás 23:30 horas DJ Diego Tercero e Recho.

As entradas, a un prezo de 5 euros, están á venda en O Novo Faro dos Anxeles, Farmacia Os Anxeles, Papelería Orballo (Brión), Estanco A Cava dos Anxeles (Brión), Kukadas Bertamirans e Biosbardos. Haberá ademais moitos sorteos, ademais de cantina con comida e bebida, xogos e actividades para os máis pequenos, sempre coa colaboración do Concello de Brión.

Do mesmo xeito, para quen desexen doar dende a fila cero habilitouse unha conta de Abanca (consultar na cartelería) e máis un bizum (código 03256).

Art for Dent está formado por varias familias de Galicia e Asturias, unidas para loitar contra unha doenza minoritaria (a de Dent) que afecta gravemente os riles dos seus fillos. Dende a arte e a cultura, todo o que fan serve para darlle visibilidade e acadar fondos para a investigación. O caso máis visible é o do pequeno Hugo de Brión, moi coñecido polas súas pinturas e deseños.