O Concello da Estrada celebrará o vindeiro martes, día 6 de xuño, a décima edición da Festa das Palabras, nun acto que encherá o Teatro Principal de literatura. A presentación do evento tivo lugar este venres no Concello, coa presenza do edil de Cultura, Juan Constenla, e os representantes de Dinamizastrada, os Equipos de Dinamización da Lingua Galega dos centros de ensino.
“A Festa das Palabras alcanza a súa décima edición e iso só pode ser un motivo de orgullo. Orgullo por levar unha década apostando por unha iniciativa necesaria non só para fomentar a creatividade literaria da mocidade, senón tamén para xerar nela as rutinas para que non se perda o galego”, apuntou Constela.
A xornada, promovida polo Concello de A Estrada e Dinamizastrada, é a coroación ao concurso literario desenvolvido ao longo de varios meses para favorecer o uso do galego entre os estudantes. No evento do teatro, levarase a cabo a entrega de premios aos 62 gañadores e gañadoras do X Concurso de Micropoemas e Microrrelatos.