Adega subliña que a sentenza de Campelo é a primeira que evita os danos ao medio ambiente

Anuncia a presentación de accións xurídidas contra outros trinta proxectos eólicos // Din que o obxectivo é frear un modelo que cualifican de “depredador” do territorio

Representantes de Adega e afectados avaliando en Santiago a sentenza do TSXG que anulou a licenza do parque éolico Campelo / adega

Representantes de Adega e afectados avaliando en Santiago a sentenza do TSXG que anulou a licenza do parque éolico Campelo / adega / redacción

Redacción

A Asociación para a Defensa Ecolóxcia de Galicia (Adega) subliña que a sentenza do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TXSG) que anulou a autorización do parque eólico Monte Campelo, proxectado nos montes de Coristanco e Santa Comba, é un “fito relevante” porque “é a primeira vez na historia do desenvolvemento eólico de Galicia que se consegue que se para unha iniciativa antes de que se cause unha desfeita ambiental”, afirmou o profesor de Dereito, Fernando de Abel Vilela, na rolda de prensa na que os escoloxistas avaliaron o fallo.

No caso de Campelo aseguran que o proxecto arrasaría cunha especie endémica única en Galicia: Centaurea ultreiae Silva Pando, cuxa poboación mundial total se atopa nos arredores da lagoa de Alcaián. Está considerada como especie en perigo crítico de extinción no Atlas e Libro Rojo de la Flora Vascular Amenazada de España, e catalogada como en perigo de extinción no Catálogo de especies ameazadas. Ademais, a lagoa de Alcaián foi proposta en 2008 e 2011 para formar parte da Rede Natura 2000 polos seus valores ecolóxicos.

Lembra que noutros casos de anulacións xudiciais, como o parque eólico da Serra do Oribio, onde xa comezarán as obras, ou nos de Sasdónigas I e II e a repotenciación do de Corme, que xa estaba en funcionamento, “non puido conseguirse iso”.

Desde Adega anuncian unha “dura batalla” contra outros trinta parques eólicos para frear un modelo que cualifican de “depredador” do territorio. Non obstante, Fernando de Abel matizou que “non imos recorrer por sistema”, senón que analizarán “cada caso” porque non están en contra da descarbonización, pero sí do modelo eólico da Xunta.

Sinalou que entre os 75 proxectos promovidos nos últimos meses detectaron “cuestións semellantes” ás que motivaron a nulidade do parque Campelo, entre elas, a “fragmentación artificial” das instalacións.

De Abel lembrou que outros dous proxectos asociados, o de Bustelo e Monte Toural, están tamén paralizados cautelarmente pola Xustiza. En Adega esperan que o Tribunal dicte tamén sentenza ao seu favor.

Pola súa banda, o portavoz da Plataforma para la Defensa de la Cordillera Cantábrica, Ernesto Díaz, subliñou que a sentenza do TSXG podería sentar un precedente e afectar a moitos outros proxectos, non só en Galicia senón tamén no Estado.

Respecto á decisión da Xunta de Galicia de recorrer ante o Tribunal Supremo a sentenza do TSXG para aclarar determinados aspectos, segundo sinalou o vicepresidente primeiro e conselleiro de Economía, Industria e Innovación, Francisco Conde, “nós non entendemos que é o que non entende. A sentenza é clara”, afirmou o representante de Adega.

Explicou ademais que se o Supremo ratifica o fallo, “o paso seguinte da promotora será reclamar á Xunta a correspondente indemnización por responsabilidade patrimonial, algo que podería ocorrer con todos os proxectos que sexan anulados, o que suporá un desembolso importante das arcas públicas, que pagamos todos cos nosos impostos”.

Co fin de poñer freo a casos semellantes, desde Adelga relanzaron a campaña Ti podes paralos!, coa que buscan recadar fondos para facer fronte aos custos xudiciais dos distintos recursos presentados. A secretaria executiva da organización ecoloxista, Belén Rodríguez, asegurou que precisan entre 6.000 e 7.000 euros por cada recurso. Polo momento levan recadados en dúas semanas máis de 11.000 €, polo que agradeceu aos diferentes colectivos “o apoio social” e animou á cidadanía a contribuír nesta causa.