Capturadas máis de dezaoito mil vespas velutinas en Cabana e Zas

Vespas velutinas capturadas na campaña de trampeo en Cabana / C. C.

Vespas velutinas capturadas na campaña de trampeo en Cabana / C. C. / J. M. RAMOS

Nos dous primeiros meses da campaña de trampeo da vespa velutina os concellos de Zas e Cabana capturaron máis de 18.000 exemplares. No municipio zaense rexistraron 12.000 capturas, o dobre do ano pasado, “o cal é unha mostra máis da magnitude desta praga”, afirman.

Uns 200 veciños e veciñas de todas as parroquias colaboran na campaña, que se prolongará ata finais de xuño. O Concello facilitoulles trampas e líquido atraínte. Ademais colocáronse trampas noutros puntos do concello, como as zonas dos centros educativos, paseos fluviais e parques infantís, onde cada quince días se renova o líquido atraínte.

Pola súa banda, o Concello de Cabana de Bergantiños pechou a campaña de trampeo cun total de 6.126 exemplares capturados, contabilizando no último reconto 960 capturas. Repartiron un cento de trampas con líquido atraínte entre a veciñanza que así o solicitou, e tamén se instalaron numerosos destes dispositivos en diferentes espazos do termo municipal cabanés.