Concorrido simposio arredor do Monte Pindo e a súa presenza na literatura

Mario Maceiras, esquerda, María Esther Barreiro, Guadalupe Vázquez, Laura Suárez e Juan Ramón Vidal Romaní, no Pindo

Mario Maceiras, esquerda, María Esther Barreiro, Guadalupe Vázquez, Laura Suárez e Juan Ramón Vidal Romaní, no Pindo / Manuel Sambade

J. M. Ramos

O sétimo Simposio Monte Pindo xuntou na vila mariñeira carnotana a un bo número de persoas que desfrutaron dunhas interesantes ponencias nas que os convidados avaliaron e resaltaron a presenza do mítico Monte Pindo na literatura. Unha iniciativa que foi promovida, un ano máis, pola asociación Monte Pindo Parque Natural, cuxo presidente, Xilberto Caamaño, foi o encargado de inaugurar o encontro. Colaborou tamén a confraría de pescadores do Pindo.

O xeólogo e profesor Juan Ramón Vidal Romaní repasou o que nos transmite este macizo granítico a través do relatorio A lito-literatura do Pindo: unha biblioteca de 300 millóns de anos, namentres que María Esther Barreiro disertou sobre O Monte Pindo e as terras de Carnota na obra de José Barreiro Barral. O tamén escritor Francisco X. Fernández Naval centrou a súa intervención nas Fontes do Pedregal.

A profesora e escritora Guadalupe Vázquez Formoso enxalzou a maxia inspiradora do Monte Pindo e a ilustradora e escritora dumbriesa Laura Suárez fixo un achegamento ao mítico Olimpo celta da man da literatura infantil galega.