A pintora madrileña Nuria Liria amosa en Cee as súas obras inspiradas na Costa da Morte

A casa de cultura acolleu un animado e emotivo reencontro coa música no Festival do Centro Social

A alcaldesa de Cee, Margarita Lamela, á esquerda, coa pintora Nuria Liria ante dúas das súas obras

A alcaldesa de Cee, Margarita Lamela, á esquerda, coa pintora Nuria Liria ante dúas das súas obras / Concello de Cee

Redacción

A casa de cultura de Cee acolle a exposición de pintura Costa da Morte, da artista madrileña Nuria Liria. A súa obra chegou á vila da Xunqueira da man da asociación Ponteceso Cultura Permanente, despois de estar exposta no museo de Man en Camelle.

Nos últimos vinte anos, as nosas costas e paisaxes mariñas teñen inspirado moitos dos seus óleos xa que, ainda que estudou Veterinaria, a pintura estivo sempre presente na súa vida de forma vocacional. Desde a súa particular mirada fotográfica, retrata lugares con encadres diferentes nos que xoga un papel importante a luz e a atmósfera deses momentos previos ás fermosas postas de sol que podemos contemplar en tantos lugares da nosa Costa da Morte.

Sobresaen nesta exposición varias obras nas que as algas son o motivo principal, as humildes laminarias que podemos ver en calquera praia e que teñen sido protagonistas xa nos seus primeiros traballos. Como afirmou a propia artista, na súa obra a paisaxe é a súa forma de expresión, e tanto a Costa da Morte como a Serra de Guadarrama son a súa fonte de inspiración.

No acto inaugural estivo acompañada pola alcaldesa, Margarita Lamela, quen felicitou a autora polo "magnífico traballo" e convidou a todos os veciños de Cee e da contorna a achegarse a casa de cultura durante este mes de xuño "para desfrutar dunhas obras que captan a atención desde a primeira visualización".

Na pasada fin de semana, a música tamén foi protagonista en Cee con motivo dunha nova edición do Festival do Centro Social, que non se celebraba dende 2019 por mor da pandemia. Abriu as actuacións o Coro do Centro Social dirixido por Dolores Oliveira, nun reecontro co público cheo de emoción.

Despois subiron ao escenario alumnos e exalumnos da Escola Municipal de Música. Alba Trillo no piano e Pablo Canosa ó acordeón amosaron o seu talento e colleitaron sendas ovacións. O director da Escola de Música, Fernando Fraga, que estivo acompañado por Nestor Fidalgo coa pandeitera e o peitoque, lograron tamén encadilar ó publico cun tema adicado a Kepa Junquera combinado coa tradicional jota da Maía.

O grupo Nin Chica nin Patacón tamén se sumou á festa que rematou coa actuación do grupo de pandereteiras do Centro Social e co desexo de poder seguir traballando xa con normalidade para futuras actividades e actuacións.

TEMAS