Unha quincena de festivais buscan diferenciarse

O Asalto ao Castelo de Vimianzo mestura música e historia

En Carballo os murais do Rexenera Fest píntase coa banda sonora de bandas e grupos galegos

Multitude durante un concerto en PortAmérica

Multitude durante un concerto en PortAmérica / Facebook

Máis aló das citas musicais nas grandes cidades, como O Son do Camiño (Santiago) ou o Morriña Fest (A Coruña), nas vilas de Área de Compostela organízanse algúns dos festivais do verán máis consagrados e orixinais de toda Galicia. Unha quincena de citas culturais porán a banda sonora deste período estival, no que moitos dos eventos organizados buscan unha diferenciación a través da mestura de varias disciplinas artísticas concentradas nun mesmo espazo. Exemplo disto son o Rompetiño Jump de Porto do Son, o Asalto ao Castelo de Vimizanzo ou o Rexenera, ubicado no concello de Carballo.

O único caso de gran festival, no sentido de albergar miles de persoas nun mesmo recinto, é o PortAmérica, localizado no pequeno municipio pontevedrés de Portas, que este ano celebra a súa onceava edición, tras chegar o pasado verán a reunir a 28.000 asistentes entre os tres días que durou a celebración. Sen ir máis lonxe, este ano contará, entre os días 13, 14 e 15 do próximo mes de xullo, con máis de 40 concertos de artistas nacionais e internacionais, onde se darán cita Bad Gyal, Sebastián Yatra, Silvana Estrada ou Nicki Nicole.

A mestura da música con outras disciplinas tan dispares como a historia ou os deportes urbáns son algúns dos puntos máis innovadores dos festivais de Área de Compostela. Destaca neste eido o Rexenera Fest de Carballo, un espazo no que a música é a banda sonora que acompaña aos artistas galegos, nacionais e internacionais de arte urbana que pintan, de xeito simultáneo, murais en diferentes emprazamentos do municipio. “Os festivais teñen un impacto económico e de visibilización moi importante. Os murais que se fan no Rexenera son o primeiro punto turístico da localidade, pasando xa por enriba do surf. Todo isto é unha marca social, que comercio ou hostelaría adoptan como sinal de identidade”, subliña o concelleiro de Turismo, Xosé Regueira, sobre a importancia deste tipo de iniciativas.

“Buscamos a proxección de Galicia fóra, que se poña o propio en valor, pero tamén intentamos atraer contido de carácter internacional”, explica Regueira. Máis alá do Rexenera, o municipio coruñés reúne, neste caso o 1 de xullo, no paraugas do Rock in Carballo, grupos como Las odio, The Brosas, To-Xo ou Guadalupe Plata.

Outros exemplos de eventos que xuntan disciplinas son o Rompetiño Jump, que se leva a cabo cada ano en Porto do Son, no que se unen ámbitos distintos da cultura urbana, polo que os asistentes poden desfrutar tanto de concertos como de zona deportiva e de exhibicións de skate ou basket. As datas elixidas nesta ocasión son o 30 de xuño, así como 1 e 2 de xullo, con artistas como Soto Asa, Saramalacara ou Selecta. Outro caso é do Festiletras na aldea de O Couto, no concello de Ponteceso, os tres primeiros días do mes de setembro, onde se aúna música, artesanía, teatro, narración oral e literatura. Lucía Aldao, Moura, Faíscas da Pontraga, Catuxa Salom ou Momboi son algunhas das escollidas para participar.

Pola súa banda, A Revolta do Umia é, quizais, un dos exemplos máis sobresaíntes deste tipo de eventos. Unha cata sonora, proxeccións de curtas, mercados creativos ou obradoiros, son algunhas das actividades ás que poden acudir os asistentes. A estas propostas súmanse máis de quince cantantes ou bandas galegas, tal e como Ortiga, Mundo Prestigio e Loita Amada.

Exemplo de evento musical máis tradicional, pero en pequeno formato, é o Milla Rock, celebrado anualmente na capital maianense, que, segundo os cálculos do Consistorio, o pasado ano xuntou a unhas 500 persoas. “Ten un impacto positivo, sempre que se pode contratamos provedores locais en todo o que se pode, mesmo na loxística. Tamén no que é a hostalería é un pulo bastante bo porque se move xente pola vila”, sinala María Vázquez, técnica de cultura no Concello de Ames. Asimesmo, apunta á súa vocación de ser un lugar no que “ten como ensencia impulsar aos grupos galegos tanto noveis como consolidados, sen esquecer outras propostas procedentes de puntos fóra de Galicia”. Festivais similares son o Noceda Rock, de Lalín, ou o Castelo Rock, de Muros, que nun par de xornadas concentran un número importante de artistas pertencentes a este xénero musical.

O Festival das Carrilanas, en Esteiro, ou o Start of Summer, ubicado na Estrada, son algúns dos que máis se axustan á estrutura normativa deste tipo das citas musicias. Estes serán o 14, 15 e 16 de xullo e o 25 de xuño, respectivamente. Ambos son de balde e contan con artistas maioritariamente locais.

Completa a lista de festivais culturais deste verán en Área de Compostela, o Asalto ao Castelo de Vimianzo, do 30 de xuño ao 2 de xullo, no que as revoltas sociais do século XV na vila, co levantamento do pobo contra o sistema feudal, e a música pasan a formar parte dun mesmo todo. Deste xeito, tomarán o control dos concertos Tanxugueiras, De vacas, Lamatumbá ou os Festicultores.

ARTISTAS FEMININAS NOS CARTEIS: EN BUSCA DA PARIDADE

“Unha das nosas máximas á hora de organizar todo é que exista paridade no que facemos, hai que romper co teito de cristal tamén, no ámbito dos festivais”, sinala o concelleiro de Turismo de Carballo. Atopar carteis de eventos culturais de gran formato no que o número de mulleres artistas iguale ou sexa similar ao dos homes é unha tarefa complexa, en moitas ocasións imposible. Porén, nas citas musicais máis pequenas a paridade é unha realidade cada vez máis frecuente. Exemplo disto é esta nova edición do MillaRock no que tres das catro bandas que se subirán ao escenario do anfiteatro do Milladoiro están compostas íntegramente por mulleres. Estas son Fillas de Cassandra, A banda da loba e Las ninyas del corro. Sobre isto, a técnica de cultura de Ames remarca que “temos varios obxectivos, entre eles que haxa sempre bandas con mulleres nos seus equipos”