Os veciños de Fisterra demandan solucións á inseguridade viaria na recta da Anchoa

José Sixto, de oitenta anos, faleceu tras ser atropelado ao cruzar a estrada o domingo

Veciños e veciñas de Fisterra concentráronse este martes no lugar onde foi atropelado José Sixto /AC Anchoa

Veciños e veciñas de Fisterra concentráronse este martes no lugar onde foi atropelado José Sixto /AC Anchoa / J. M. raMOS

O falecemento de José Sixto, de 80 anos, despois de ser atropelado o domingo cando cruzaba a estrada na coñecida como recta da Anchoa, en Fisterra, acabou coa paciencia da veciñanza, que este martes, saíu a rúa para amosar a súa solidariedade coa familia e amigos da vítima e tamén para demandar “solucións xa” a un problema de inseguridade viaria que veñen denunciando dende hai varios anos.

A concentración, convocada pola Asociación Anchoa, xuntou a veciños e veciñas e a representantes dos distintos grupos políticos municipais, e non descartan promover máis mobilizacións no caso de que a Xunta non aporte solucións. “Hoxe non se trataba de buscar culpábeis, pero sí de reivindicar solucións”, afirmou María Nemiña, voceira co colectivo veciñal.

Lembra que o tráxico accidente do domingo no que perdeu a vida un dos seus veciños, “non é algo puntual, pois nesta recta téñense producido moitos atropelos e tamén son numerosas as colisións”. A este respecto, sinala que “unha nena de 9 anos aínda arrastra as secuelas dun atropelo que se produxo neste mesmo punto onde faleceu José”.

María Nemiña subliña que hai catro anos, os representantes veciñais acompañados polo concelleiro de Seguridade Viaria, mantiveron unha reunión con responsables da Consellería de Infraestruturas e Mobilidade para tratar este problema. “A contestación deste organismo foi que para poñer os pasos de peóns a recta ten que estar considerada como tramo urbano, e para limitar a velocidade a 50 Km/h (actualmente é de 70 Km/h) é preciso construir beirrarúas”. Fontes da consellería foron consultadas por este xornal ao respecto pero, polo momento, non trasladaron o seu posicionamento ante estas demandas veciñais.

Dende a Asociación Anchoa lembran que o barrio sufriu “un gran cambio coa chegada dunha edificación masiva nas últimas décadas e a poboación cada ano é maior, especialmente no verán”. Destacan que a ambos lados da estrada hai servizos de hostalería, un supermercado, unha panadería e unha farmacia “pero non temos o máis importante, a urbanización axeitada”.

Isto tradúcese, engaden, “en que os veciños temos que estar, moitas veces, ate 15 minutos esperando a que haxa un oco entre coche e coche para poder cruzar a estrada”. Os nenos e maiores, “arriscan a vida cada vez que precisan acudir a algún dos servizos do barrio ou visitar a algún parente ou veciño”.

Denuncian ademais que “cada catro anos, a Anchoa recibe unha boa cantidade de promesas electorias de melloras con beirarrúas, pasos de peóns, carril bici, parques... pero quedan en fume. Mais, de nada nos sirve tanto benestar se ao final non temos o máis importante, tranquilidade e seguridade viaria”, conclúen.

Pregúntanse “cantas máis vítimas teremos que lamentar ante a pasividade da Xunta e outros organismos implicados?”. Din que é prioritario dar solución ás súas preocupacións e “non poden pecharnos as portas e dicirnos que non temos dereito á seguridade porque a zona non está considerada como urbana”.