A escritora e profesora Cristina Mourón presenta este sábado en Cee a súa triloxía 'Hijos de York'

Triloxía 'Hijos de York' da escritora e profesora Cristina Mourón Figueroa

Triloxía 'Hijos de York' da escritora e profesora Cristina Mourón Figueroa / Concello de Cee

Redacción

Cristina Mourón Figueroa, escritora e profesora de Filoloxía Inglesa da Universidade de Santiago especializada na historia e cultura da Inglaterra medieval, fundamentalmente do séculos XIV e XV, presentará este sábado, día 10 ás 20.00 horas na sala de conferencias da casa de cultura de Cee, a obra Hijos de York. Unha triloxía coa que ve cumprido o seu soño da infancia de chegar a ser algún día escritora, e que foi escrita, en boa parte, na casa dos seus avós, en Ozón (Muxía).

Na mesma, o amor, a paixón e a traición perfílanse como os ingredientes naturais nunha obra que é, ademáis, unha reivindicación da reputación do rei Ricardo III, inxustamente maltratada pola dinastía Tudor, Shakespeare e a historia.

Esta non será a única cita cultural do día en Cee pois, á mesma hora no Auditorio Baldomero Cores, o grupo infantil da Escola de Teatro de Cee, dirixido por Toño Casais, representará as obras A princesa que non quería ser nena, A gran muralla e Amarelo Molière, protagonizadas por nenos e nenas de 6 a 12 anos.